Chantada, 31 de xaneiro de 2008.- A Deputada e concelleira chantadina Susana López Abella anunciou esta mañá en rolda de prensa a presentación de varias iniciativas no Parlamento ante o que considera “unha absoluta discriminación para a Comarca de Chantada por parte da Consellería de Medio Rural”. Segundo indicou, o Plan de Actuación Global de Infraestruturas Vitícolas presentado por Medio Rural carece do orzamento preciso, así como as necesarias medidas para o impulso que o sector vitivinícola lucense necesita.
AGRAVIO COMPARATIVO ENTRE CONCELLOS.- Este Plan fomenta incluso un agravio comparativo entre os distintos Concellos que conforma a Ribeira Sacra Lucense. “O máis chamativo é que un Concello como Carballedo”, segundo apuntou a deputada, “con 35 viticultores, teña desaparecido do mapa do Plan de melloras de accesos e Chantada, tendo un total de 420 viticultores e sendo un dos municipios con maior superficie e producción, recibe tan só 212.171 euros, bastante menos que outros concellos que tendo 28 viticultores reciben 775.843€. É, por tanto, o Concello máis discriminado de toda a Ribeira Sacra Lucense”.
INCERTIDUME DO SECTOR.- Susana López Abella recorda que despois da aprobación da nova OCM Vitivinícola o sector está a pasar por un momento de profunda incertidume, tal como o PP puxo de manifesto xa a pasada semana en Chantada durante unha reunión do Grupo Parlamentario convocada para valorar a situación actual na que se atopa a comarca. “Existe”, recalcou, “unha fonda preocupación ante a repercusión negativa que a reforma pode ter para a nosa Denominación de Orixe, unha preocupación sobre a que xa chamaron a atención varios sindicatos agrarios como Xóvenes Agricultores e numerosos viticultores”.
UN PLAN MUTILADO.- Para López Abella a Consellería de Medio Rural ven de “ningunear unha vez máis a nosa zona para a que non se contemplan accións positivas que favorezan ao sector co fin de fortalecelo, animar ó relevo xeracional e ó fomento do emprego nunha comarca que ten moito futuro pero que debe enfrontarse ós novos retos de mercado, así como ás novas regulacións”.
INICIATIVAS PARLAMENTARIAS.- O Grupo Parlamentario Popular presentará, e así o anunciou hoxe Susana López Abella, iniciativas encamiñadas a “reparar a incompetencia” demostrada pola Xunta con respecto ó apoio ó sector vitivinícola. “Instaremos á Xunta de Galicia, e concretamente á Consellería de Medio Rural, a ampliar e mellorar o Plan presentado o luns a “bombo e platillo” polo Vicepresidente da Igualdade e o Conselleiro”, indicou.
“A nosa comarca necesita de medidas decididas para potencia e modernizar o sector a través de axudas directas para a incorporación de xoves á actividade agraria, axudas para a mellora e reconversión de viñedos cos orzamentos axeitados a Ribeira Sacra, así como axudas para o sector elaborador, e como xa temos solicitado en numerosas ocasións, campañas de promoción porque non é a primeira vez que os responsables de Turismo e Medio Rural se teñen esquecido da D.O Ribeira Sacra cando saen a promocionar os produtos de Galicia fora de España”, engadeiu López Abella.
INICIATIVAS MUNICIPAIS.- A parlamentaria e concelleira popular tamén lamentou a falta de xestión do bipartito municipal, “que unha vez máis e ante unha nova labazada do Goberno da Xunta se limitan a sorrir e agradecerlle o Sr. Suárez Canal a discriminación a Chantada”. “Parécenos absolutamente indignante, agora que gobernan na Xunta e en Chantada os mesmos grupos políticos, que o noso Concello pase por esta situación porque endexamais foi peor tratado”, afirmou Susana López.
O Grupo Municipal do Partido Popular presentará novamente iniciativas de impulso co fin de intentar lograr que o bipartito municipal liderado por Manuel Anxo Taboada e Afonso Piñeiro “esperten do seu sono e comecen a traballar e xestionar proxectos polo ben de Chantada”.
Neste senso faise necesario que a Corporación Municipal acorde no próximo pleno esixirlle á Consellería de Medio Rural unha maior implicación co Concello de Chantada e que inclúa de xeito inmediato unha ampliación das actuacións, así como de orzamentos en proporción ó que significa Chantada no conxunto da D.O Ribeira Sacra Lucense.