Partido Popular de Lugo

O GPPP QUERE QUE A DEPUTACIÓN PROMOCIONE OS PRODUCTOS DA PROVINCIA NOS SEUS ACTOS OFICIAIS

O Grupo Provincial do Partido Popular aboga porque a Deputación empregue, en todos aqueles actos que organice, productos da provincia de Lugo, con específica mención á súa denominación de orixe, á súa comarca ou concello de procedencia. Con este fin presetará unha moción no vindeiro pleno do organismo provincial que os populares agardan que conte co respaldo unánime do resto dos grupos políticos.

En opinión do PP debe aplicarse o mesmo criterio en todos aqueles actos nos que a Administración provincial colabore na súa organización e que se desenvolvan ó longo e ancho da provincia. A defensa e promoción dos productos propios de Lugo non é, ó entender do PP, unha acción incompatible ou que conleve a exclusión doutros de carácter foráneo.

Para o Grupo Provincial popular é “desexable” que a Deputación, na súa calidade de “concello de concellos”, promocione e distinga todo aquelo que teña a súa orixe na provincia de Lugo, dende a cerámica ás teas, desde o peixe á carne, dende os doces ou o queixo ó viño. Que actúe, en definitiva, de escaparate da nosa provincia.