O Grupo Provincial do PP considera que hai “unha grande indefinición” no que se refire á política turística da Deputación, xa que aínda non se coñece o marco de actuación no que se vai mover o bigoberno provincial.
Unha situación que, ó entender dos populares, está a poñer en entredito a capacidade que ata agora viña tendo a Deputación para xerar dinamización nun campo moi importante dende o punto de vista económico para toda a provincia e no que ainda queda moito camiño por percorrer.
O voceiro adxunto do Grupo Provincial, José María González Barcia, puxo hoxe esta situación de manifesto en rolda de prensa, logo de ter comprobado que a capital da provincia promocionase pola súa conta ou que se vén de constituir o consorcio comarcal da Mariña para a promoción turística sen a participación da Deputación.
González Barcia chama a atención tamén sobre o feito de que o Concello de Viveiro se autoexcluira deste consorcio “xa que o seu alcalde, Melchor Roel, tamén deputado provincial, prefire mirarse para o ombligo na vez de colaborar co resto dos concellos”.
O voceiro adxunto do GPPP salientou que tampouco nada se sabe da presencia da Deputación en FITUR, que terá lugar a finais de este mes en Madrid. “Non se sabe se vai a ir con Turgalicia, con stand propio ou se non vai”, dixo.
Barcia lembra que o Presidente Besteiro asegurou, logo de reunirse co alcalde de Lugo poucos días despois da súa investidura, que se ía crear un patronato de turismo de ámbito provincial. Barcia considera que Besteiro non mediu ben os tempos e as verbas, xa que a Xunta está apostando polos consorcios comarcais, “pero el négalle a maior a Orozco e un deputado provincial socialista, Roel, desmárcase dos concellos da súa comarca, e así vai o mundo do turismo na Deputación”.
Tanto é así, que segundo asegura Barcia, no INLUDES, órgano que debería promover o turismo provincial, nada saben das directrices turísticas, porque nada lles dixo quen tiña que decilo, e polo tanto, neste asunto, “están a velas vir”.
González Barcia conclúe afirmando que o turismo é xa un fracaso do bigoberno provincial, porque a estas alturas, coa feira máis importante do sector ás portas, conviña ter definidas as liñas de actuación, ter falado cos concellos, e poñer os alicerces do que se quere facer.
«Unha vez máis, entendemos que Besteiro tén que asumir o cargo que tén, e deixarse de tanta historia mediática. Debe exercer de presidente, que é para o que está, por certo, algo ó que optou libremente. Polo tanto, se ve que non lle queda ben o cargo ou se lle fai grande, que o deixe, porque a este paso o seu mandato será un tempo perdido”, conclúe o voceiro adxunto do Grupo Provincial do Partido Popular.