O Partido Popular de A Fonsagrada critica que durante a recente visita que realizaron á vila o Conselleiro de Traballo e o Presidente da Deputación non foron sequera capaces de comprometer a execución dalgunha obra ou a dotación dalgún servicio durante o encontro que mantiveron cos empresarios da zona.
“Ó parecer todo está en estudio, seguramente ata o ano 2009, que, dado que toca eleccións autonómicas, voltarán para dicirlle ós poucos empresarios que daquela queden no concello, que o pertinente estudio está feito e que nos próximos anos executarase”, explicou o Voceiro do Grupo Municipal Popular.
Para Tobías Martínez, que non se aporte solucións nin por parte da Xunta de Galicia nin da Deputación a ningunha das demandas que plantexan os veciños de A Fonsagrada, é unha consecuencia directa do pouco peso político que ten o equipo de goberno.
Lembra neste contexto o voceiro popular que antes de pasar por a Fonsagrada, o Sr. Besteiro estivo en Becerreá e alí comprometeu tres proxectos moi importantes: as piscinas, a ampliación da zona industrial e seguramente o parque de bombeiros. “Cando chegou aquí xa traía os bolsillos valeiros”, engade.
“Veremos se o noso goberno local é capaz de loitar pola instalación do parque de bombeiros porque dende logo se argumentan que por ubicación ou estratexia non é posible a súa instalación na Fonsagrada, resultaría unha tomadura de pelo”, explica Tobías Martínez.