O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que os gobernos socialistas de Lugo, a Xunta e o Estado levan catro anos con “contos electorais” na cidade das Murallas e dixo que os lucenses ten o compromiso de que Rajoy levará ao Consello de Ministros, nos seus primeiros 100 días como presidente do Goberno, un paquete de medidas para executar as obras públicas que precisa Lugo: á nova ponte sobre o Miño, desbloquear a construción do Auditorio de Lugo e un cronograma de execución das autovías e o AVE pendentes. Estas afirmación as fixo este mediodía ao remate dunha reunión celebrada na cidade das murallas cos integrantes do Grupo Parlamentario Popular e representantes locais e provinciais do partido.
Núñez Feijóo apuntou que na reunión celebrada esta semana en Sigüenza pola cúpula nacional do Partido Popular plantexou estas cuestións aos seus compañeiros de formación e o Presidente do Partido, nas eleccións municipais, comprometeuse a incluír estas propostas entre as prioridades de Goberno no caso de que o PP gañe as eleccións xerais.
CONTOS ELECTORAIS
O presidente do PPdeG recordou que, a pesar das promesas e anuncios baleiros de contido efectuados por Pepe Blanco, o Goberno mantivo paralizadas as autovías interiores Lugo-Ourense e Lugo-Santiago durante todo este mandato e agardou á disolución das Cortes para anunciar a licitación dos dous primeiros tramos desas vías, con tres anos de retraso sobre a previsión inicial.
Todas as liñas de AVE na provincia de Lugo están paralizadas, en catro anos non se fixo absolutamente nada: nin un só avance. Por iso, o presidente dos populares galegos afirmou que a ministra de Fomento, que hoxe está por aquí, debe ter o valor de explicarlle aos lucenses que fixo co AVE de Lugo nestes catro anos.
Núñez Feijóo afirmou que a única obra que está en marcha na provincia de Lugo é a que deixo executándose o goberno do PP en Madrid, que o goberno de Zapatero retrasou na súa execución en maís de catro ano. As demáis autovías están todas estancadas.
Para superar esta eiva, Núñez Feijóo tamén anunciou que, se o PP forma Goberno despois das Eleccións de marzo, o vindeiro ministro de Fomento elaborará e fará público un cronograma no que comprometerán cartos e prazos para rematar a execución das grandes obras públicas pendentes nun prazo máximo de catro anos. “Falo das autovías, pero falo tamén da chegada do AVE a Lugo, que a día de hoxe nin sequera existe”.
Por outra banda, os populares galegos están convencidos que os socialistas galegos volverán nestes meses a Lugo a facer as mesmas promesas que fixeron hai catro anos e non cumpriron, como é o caso da ponte sobre o río Miño, que Pepe Blanco prometeu que estaría en construcción no ano 2005 e ainda non ten data de comezo.
TRES GOBERNOS SOCIALISTAS SEN ENTENDEMENTO
Do mesmo xeito, o presidente dos populares galegos entende que “se Xunta e Concello non son capaces de desbloquear a construción do novo auditorio, será o Goberno central o que dote a Lugo dunha infraestrutura coa que xa contan as restantes cidades de Galicia”. Neste sentido, considerou “grotesco” que Lugo continúe arrastrando esta carencia desde hai xa máis de 8 anos, como consecuencia da falla de vontade política dos gobernos socialistas no concello, na Xunta e no Estado.
Apuntou que calquera debate público sobre o auditorio é rexeitado sistematicamente pola Xunta e, como exemplo, sinalou que a Xunta de Portavoces do Parlamento se nega a admitir a trámite unha interpelación do Grupo Popular sobre este asunto argumentando que non se trata dun asunto de interese xeral.
Este argumento é rexeitado polo PPdeG, por entender que unha dotación que debe executarse nunha das catro capitais de provincia de Galicia e afecta a un conxunto que está declarado patrimonio da humanidade pola Unesco reúne requisitos abondo para ser considerado de interese xeral para o conxunto dos galegos. Estas diferenzas na interpretación do Regulamento da Cámara levaron ao Grupo Popular a encargar aos seus servizos xurídicos que estuden o caso para presentar unha petición de amparo ante o Tribunal Constitucional.
OITOS MESES DESDE O ÚLTIMO TRÁMITE DE CULTURA
Recordou Núñez Feijóo que no día de hoxe se cumpren oito meses desde que o Ministerio de Cultura remitiu á Unesco un informe solicitando un novo pronunciamento sobre o hipotético impacto do proxecto sobre a Muralla Romana da Cidade, sen que desde entón se volvesen ter novas noticias ao respecto.
Os populares galegos cuestionaron tamén os incumprimentos da Xunta e puxo como exemplo unhas declaracións efectuadas en outubro de 2007 pola conselleira de Política Territorial, nas que se comprometía a resolver o conflito derivado da paralización do proxecto do auditorio ao longo do mes de novembro. Sen embargo, rematou novembro e finalizou 2007 e tal solución continúa sen aparecer.