O Grupo Provincial do PP considera que o protocolo de intencións suscrito hoxe entre a Conselleiro de Presidencia, o Presidente da Deputación e os alcaldes de Barreiros, Chantada, Sarria, Vilalba e Viveiro para o inicio da constitución do consorcio provincial para a prestación do servizo contra incendios e salvamento é, única e exclusivamente como o seu propio nome indica, un manual de intencións no que, como xa é habital, non se concreta absolutamente nada.
Os populares, aínda que puntualizando que consideran de vital importancia para o interese xeral a posta en marcha dunha rede provincial de parques de bombeiros, suliñaron que, en realidade, a sinatura de hoxe non é máis que outro acto protocolario para lucimento do Sr. Besteiro, que nesta ocasión comparte algo de protagonismo co titular da Consellería de Presidencia.
![]() |
Así, segundo manifestou hoxe en rolda de prensa o voceiro adxunto José María González Barcia, quen compareceu xunto co alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga (o de Vilalba non puido asistir ó acto aínda que adiantou que suscribía todo o dito), o PP confían en que o protocolo asinado hoxe reciba o respaldo do Goberno da Xunta porque, “de non ser así, é papel mollado e non tén ningún valor”.
Os representantes do PP agardan que este trámite se faga con certa celeridade, para que, deste xeito, se cumpran as previsións que a propia Xunta e Deputación barallaron hai un mes
González Barcia confesou, sen embargo, que tén dúbidas sobre o cumprimento dos prazos, xa que, segundo recalcou, no documento suscrito hoxe as concrecións, que o verdadeiramente importante, seguen a brilar pola súa ausencia.
“Voltan a falar do que xa dixeron hai un mes, agora traducido a protocolo de intencións, pero co agravante de que daquela aventurábanse a dar cifras de investimentos e incluso prazos, mentres que no protocolo suscrito hoxe nin aparecen cifras nin datas. No texto só hai dous datos contrastados e verificados: os asinantes e a data de sinatura”, explicou González Barcia.
CONCRECIÓNS DE PRAZOS E DE PRESUPOSTO
Para os representantes do PP, sería básico que no aludido protocolo se concretasen os prazos de redacción do proxecto, de licitación, de construcción, de dotación, de contratación de persoal e de posta en marcha. “Nada de eso se fai constar polo que é lóxico que desconfiemos de que o dito hai un mes poida cumplirse”, puntualizou o voceiro adxunto do GPPP.
“Nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano”, lembrou Barcia, “só aparecen consignados 501.000 euros para a construcción de parques de bombeiros en toda Galicia e ningunha partida específica, polo tanto, para a provincia de Lugo con este fin. Esta asignación é claramente insuficiente para o investimento que debería asumir a Xunta no presente exercicio e que ascenería ó redor de 2.250.000 euros”.
COBERTURA DOS PARQUES
González Barcia indicou ademais que cos cinco parques de bombeiros previstos quedan comarcas sen cubrir coma é o caso da Ulloa e da Montaña e que incluso na Mariña non está definido cómo se cubrirá o servicio en determinados concellos.
Barcia agarda asimesmo que en breve se fale, “pero en serio”, da comarcalizacións dos parques de bombeiros de Lugo e de Monforte e definindo compromisos e prazos, porque son dúas comarcas que, de momento, quedan tamén descolgadas.