O Presidente provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, xunto á deputada Susana López Abella, o alcalde de Palas de Rei, o tenente-alcalde de Antas de Ulla e o voceiro de Monterroso, denunciou hoxe en Monterroso que a comarca de A Ulloa converteuse na “gran esquecida” dos orzamentos da Xunta de Galicia de 2008, xa que neles, segundo recalcou, non se recollen as partidas económicas precisas para executar os grandes proxectos pendentes.
Susana López Abella responsabiliza do sucedido a socialistas e nacionalistas ó rexeitar a totalidade das emendas formuladas polo Grupo Popular para esta comarca e que, no seu conxunto, sumaban máis de tres millóns de euros.
En opinión de José Manuel Barreiro esta actitude pon de manifesto o deseinterese e falta de compromiso do bipartito para con esta comarca. Unha situación que “os populares non podemos nin imos a consentir” polo que, segundo anunciou Barreiro, “dende hoxe faremos un seguimento estricto e minucioso dende todas as institucións das que formamos parte, xa sexan concellos, Deputación ou Parlamento, para que os compromisos adquiridos con esta comarca se cumpran. Non escatimaremos esforzos nin críticas nesta labor de fiscalización, que será moi dura e que extrapolaremos a toda a provincia”.
MENTIRA MEDIÁTICA.-
Os populares instaron a socialistas e nacionalistas a que “deixen de enredar” con promesas que non acaban de materializar nesta comarca de Lugo, xa que “na Ulloa prometen unha cousa e en Santiago fan exactamente o contrario”.
Os populares puxeron como exemplo desta situación as promesas realizadas en Palas de Rei durante a pasada campaña electoral polo socialista José Blanco. Comprometeuse, de feito, segundo lembraron os populares, a dotar á comarca dun centro integral de maiores, dunha residencia e incluso a poñer en marcha unha empresa que crearía 200 postos de traballo, cen para homes e cen para mulleres, así como a reconvertir o Castelo de Pambre en Parador Nacional. “A realidade”, explicou Barreiro, “é que, como acostuman a facer os socialistas, do prometido non hai nada de nada”.
A situación resulta ainda máis grave, segundo suliñou Susana López, porque PSOE e BNG votaron sempre en contra das propostas que fixo o Partido Popular no Parlamento galego precisamente reivindicando a dotación destas infraestructuras e servicios. “Resulta moi significativo”, engadiu a deputada popular, “que o Sr. Ricardo Varela, conselleiro de Traballo e secretario de organización do PSdeG-PSOE, que acompañaba a José Blanco durante o acto celebrado en Palas no que prometeu tantas cousas, sufrira un ataque de amnesia cando no Parlamento lle preguntei cándo se ía materializar a creación deses 200 postos de traballo comprometidos”.
“É indignante que O Sr. Pepe Blanco, que é natural de Palas e incluso formou parte da súa Corporación, trate deste xeito os seus propios veciños, mentíndolles descaradamente co único propósito de conseguir uns votos, cando o que debería facer é preocuparse por solucionar os problemas da zona. Pero agora, como xa saben que a súa palabra non vale nada, estou convencida de que nas vindeiras eleccións lle darán a espalda, como xa fixeron cando tentou ser alcalde de Palas”, dixo López Abella.
ENMENDAS REXEITADAS.-
O PP reclamaba ó Goberno da Xunta na batería de enmendas presentadas ós orzamentos previstos para o 2008 máis de tres millóns de euros para a comarca da Ulloa.
Así, para a mellora da travesía de Palas de Rei pedía 300.000 euros e idéntica cantidade para o saneamento neste mesmo concello. Os populares tamén presentaron enmenda por importe de 400.000 euros para o inicio da compra do castelo de Pambre e a súa futura conversión en Parador Nacional.
Para Monterroso solicitou 300.000 euros, como mínimo, para a estación de autobuses e un incremento de 100.000 máis para a construcción do centro de saúde. Reclamou ademais 800.000 euros para a residencia da terceira idade de Antas de Ulla e 200.000 para a primeira fase do centro integral para maiores de Palas de Rei.
Os populares tamén presentaron enmendas solicitando novas estradas e incluso a contratación do estudio para a construcción dunha vía de alta capacidade entre o lugar de Marco, na parroquia de Ligonde, ata Monterroso e de Monterroso a Rodeiro para a que o PP pediu unha primeira partida de 450.000 euros.