Partido Popular de Lugo

CARTA REMITIDA POR JOSÉ MANUEL BARREIRO A JOSÉ BLANCO

Sr. D. José Blanco López
Secretario de Organización do PSOE
C/ Ferraz, 70
28008 Madrid

Lugo, a 28 de decembro de 2007

Estimado Pepe:

O pasado 9 de outubro no transcurso dunha rolda de prensa convideite públicamente a manter un “cara a cara” para debatir o grao de execución dos compromisos en infraestructuras que, como Deputado por Lugo e en nome do teu partido, adquiriches con esta provincia durante os pasados comicios xerais.

Recibín de bo grado a aceptación que, tamén de xeito público, fixeches da miña proposta durante a conferencia que pronunciaches na nosa cidade o pasado día 12 do presente mes. Unha satisfacción que puxen de manifesto ó día seguinte no transcurso dunha rolda de prensa celebrada en Sarria e na que expresei non só a miña disposición a debatir contigo o día que ti propuxeches, o vindeiro 17 de xaneiro, senón tamén que, dada a relevancia e o interese xeral que a bo seguro despertará a nosa conversa entre os medios de comunicación e toda a cidadanía, consideraba convinte que o encontro estivera aberto ó público e que fora moderado, en aras de lograr o maior grao de imparcialidade posible, por un grupo de periodistas ou representantes da asociación da prensa lucense.

A Asociación da Prensa de Lugo xentilmente, o 15 de decembro, remitiu un correo electrónico no que se poñía a disposición de todos os partidos políticos e se mostraba disposta a moderar o debate na data e lugar que estimaramos oportuno, propoñendo incluso como posible escenario as instalacións do hotel Méndez Núñez.

Pola nosa banda, o 19 de decembro contestamos a súa mensaxe na que, ademais de agradecerlle a súa boa disposición, lle manifestamos que considerábamos convinte que este debate, seguindo o plantexamento inicial, debería ser a dúa bandas, ainda que, por descontado, deixabamos patente a nosa disposición de participar en cantos debates posteriores quixeran organizar.

Chegados a este punto, diríxome a ti para que de xeito directo poidamos concretar tanto a data de celebración como o lugar e o formato que utilizaremos no debate.

Agardando a túa respota, aproveito a ocasión para saudarte.

Atentamente,

Asdo. José Manuel Barreiro

Presidente Partido Popular de Lugo