Os afiliados do Partido Popular de Outeiro de Rei deron onte o seu respaldo á candidatura para a xunta local encabezada por José Pardo Lombao durante a asamblea xeral convocada para tal fin e que se desenvolveu a última hora da tarde no restaurante Miño da localidade.
Pardo Lombao salientou a importante renovación levada a cabo na executiva, así como o feito de que a media de idade dos seus integrantes se sitúe ó redor dos 40 anos. “Incorporar xente nova ó noso proxecto é asegurar a continuidade do partido”, asegurou o novo presidente da executiva popular que ostenta tamén a Alcaldía de Outeiro de Rei.
Precisamente un dos obxectivos que se marca Pardo Lombao é traballar para que o Partido Popular siga a manter a maioría no Concello e “para seguir sendo capaces de crear ilusión no municipio e, deste xeito, facer posible que Outeiro de Rei siga medrando”.
Salientou asimismo, con respecto ós membros da executiva, que teñen moita ilusión e gañas de traballar polo que “agardo”, explicou, “que teñamos éxito nesta nova andaina”.
Resaltou ademais o feito de que tres mulleres se incorporen á xunta local, ás que agarde que se sumen máis no futuro, dado que a anterior estaba conformada únicamente por homes, e que todos os concelleiros do seu equipo de goberno formen tamén parte dela.
O Presidente Provincial do PP, José Manuel Barreiro, que xunto o Secretario Xeral, José Manuel Balseiro, estivo, como é habitual, presente no acto, aproveitou o seu discurso para, ademais de felicitar a toda a executiva electa, referirse ós vindeiros comicios nacionais, salientando que o PP ten moitas posibilidades de gobernar en Madrid. Por elo, pediu un esforzo extra a todos para achegar a toda a cidadanía as propostas do programa electoral do partido e, sobre todo, de poñer de manifesto a retahíla de incumprimentos que o Partido Socialista ten coa provincia de Lugo.
Ademais de José Pardo, a xunta local do PP de Outeiro de Rei está integrada por José Yebra, Luis Varela, Serafín Vázquez, Sandra Abeledo, Pilar Méndez, Alfonso Vilanova, José Veiga, Luisa Seijas, José Daniel Román, Paulino Carral e Jesús Fernández.