O Voceiro adxunto do Grupo Provincial do PP, José María González Barcia, manifestou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da Deputacion adxudicou unha obra de infraestructura viaria sen que no expediente conste a disposición dos terreos para realizala.
González Barcia calificou de paradóxico que os responsables do pazo provincial fixeran esta adxudicación a pesar de que precisamente foi este argumento, non dispoñer dos terreos precisos para a realización das obra, o que esgrimiron para tentar xustificar a paralización na que se atopan numerosos proxectos aprobados polo anterior goberno da Deputación no transcurso de pleno extraordinario solicitado polo Grupo Provincial Popular para aborda este asunto.
O proxecto ó que fixo mención o voceiro adxunto dos populares é o referido ás obras adicionais da obra 462 do POL de 2005 en Folgoso do Courel, acondicionamento da C.P. Seoane-Hospital, desde o p.k. 01’70 ó p.k. 04’00.
González Barcia, quen reiterou o desexo do PP de que se faga esta obra e todas aquelas que o bigoberno mantén paradas, dado que así o demandaron no seu día os veciños e os concellos, explicou que o que se pretende facer con estas actuacións adicionais é desviar a estrada con respecto ó proxecto orixinal, xa que queda preto dunha vivenda, así como facer un enlace na marxe esquerda que tén unha pendiente significativa.
INFORMES SOBRE OS TERREOS.
Barcia manifestou que no expediente inclúese documentación que aclara que para facer a obra inicialmente proxectada non se conta cos terreos, ainda que hai un informe de Vías e Obras, con data do pasado 10 de xullo, no que se matiza que, segundo o RDL 2/2000, “na tramitación dos expedientes de contratación de obras de estradas non será necesario o requisito previo de disponibilidade dos terreos, se ben a ocupación efectiva dos mesmos deberá ir precedida da formalizacion da acta de ocupación”.
“O que quere dicir”, recalcou o voceiro popular, “que os técnicos avalan o que sempre afirmou o Partido Popular: que este tipo de actuacións poden levarse a cabo aínda sen contar cos terreos precisos para elo”.
Barcia na súa exposición tamén fixo referencia a que hai un escrito de 16 de outubro no que se pon de manifesto que é necesaria a ocupación de outros terreos non pertencentes á CP 1301, estrada da que se está a falar, e que éstes se acadarían pola vía da avenencia ou expropiación forzosa. Asimismo o 30 de outubro hai un informe de Vías e Obras do que se deduce a viabilidade da obra, contando con que se dispoña dos terreos.
ADXUDICACION SEN TERREOS.
Con todo e eso, a Xunta de Goberno adxudica a obra o día 30 de novembro, sen que haxa no expediente documento algún que acredite a ocupación dos terreos; terreos que aparecen debidamente detallados no parcelario do proxecto.
González Barcia considera que esta forma de actuar do bigoberno da Deputación non é seria. “Por unha banda, estase a dicir que non se realizarán obras para as que non se conte cos terreos, e por outra, adxudícase unha obra, pequena, pero obra ó fin e ó cabo, sen que se conte coas autorizacions dos propietarios”, afirmou.
En base ó antedito, Barcia calificou de “sectario” o proceder da Deputación, e “convidou” ó Sr. Besteiro a dar explicacións públicamente. “E debe facelo el”, recalcou o voceiro adxunto do Grupo Provincial Popular, “porque a súa palabra está en entredito”.
Barcia rematou augurando que coma este aparecerán máis casos, “porque se verá que os alcaldes socialistas van pelexar para que se lles fagan as obras”.
Tamén considerou importante que o BNG, “que no pleno sobre as obras estivo caladiño, como se a cousa non fose con el”, aclare cal é a súa opinión sobre este asunto. “Xa sabemos”, dixo González Barcia, “que Vías e Obras é do PSOE, pero o goberno da Deputación afecta ó conxunto dos cidadáns da provincia, lle voten a quen lle voten”.