Partido Popular de Lugo

O PARTIDO POPULAR DENUNCIA QUE A SELECCIÓN DE ALUMNOS PARA O OBRADOIRO DE FOLGOSO FOI IRREGULAR

O Partido Popular de Folgoso do Courel esixe a paralización é anulación de todo o proceso de selección e de contratación dos alumnos-traballadores do Obradoiro de Emprego desenvolvido neste concello a pasada semana, ó entender que o mencionado proceso “está cheo de irregularidades” e é un claro exemplo da “política de favores que practica ó equipo de goberno”.

Con este obxectivo, o Grupo Municipal popular, a través da súa voceira Lola Castro Ochoa, presentou recurso ante a Delegación da Consellería de Traballo e do propio Concello de Folgoso do Courel no que, ademais da anulación do proceso desenvolvido, solicita a tramitación dun novo procedemento de selección no que se cumpra estrictamente a normativa vixente, é decir, que se axuste ós principios de publicidade, transparencia, obxetividade e igualdade. Uns principios básicos que, recalcan os populares, “foron incumplidos descaradamente por parte dos responsables municipais”. Unha percepción que, segundo engaden, tamén tiveron os propios afectados dado que seis dos sete aspirantes excluidos tamén presentaron recurso.

Así, segundo explicou Lola Castro, a primeira irregularidade cometida neste proceso de selección, levado a cabo o pasado día 10 de decembro e cuxa resolución fíxose pública ó día seguinte no taboleiro de anuncios do consistorio, atópase xa na propia configuración do tribunal encargado de avaliar ós aspirantes. De feito, formaban parte del, pese a que o Estatuto do Empregado Público prohíbe explícitamente a inclusión de cargos políticos, un concelleiro do equipo de goberno e o propio alcalde.

Tampouco se tiveron en conta as bases que, na Orde do 16 de febreiro de este ano, regulan as axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficio ó non primar a elección de persoas que non tiveran participado antes en programas de formación destas características. De feito, só seis das 26 persoas selecciondas non formaron parte do obradoiro promovido con anterioridade polo Concello, concretamente entre os meses de xullo de 2006 e xullo deste ano, e que casualmente tamén contaba como éste cun módulo de albanelería e outro de cantería. Pola contra, os sete aspirantes excluidos nunca se beneficiaron dun contrato para a formación destas características. Tamén quedaron fora persoas con minusvalías cando éste é un dos colectivos que a administración establece como preferentes nas súas políticas de emprego e inserción.

O Grupo Municipal do PP tamén lle resulta “algo sospeitoso” que a dona do Tenente Alcalde do Concello fora elexida para cubrir a plaza de administrativa, a mesma que desempeñou no obradoiro anterior, e que os “seleccionados sexan casualmente as mesmas persoas ás que o alcalde lle prometeu un posto de traballo durante a pasada campaña electoral. Razón que explica por qué moitos desistiron incluso de presentarse ó proceso de selección. Xa sabían que as prazas estaban dadas de antemán. De feito danse casos tan pintorescos como que tres membros dunha mesma familia estén incluidos na lista de admitidos”.

Lola Castro ve tamén “algo sospeitoso” en que outros membros da familia do Tenente Alcalde, ademais da súa dona, se beneficien dos postos de traballo e dos servicios que presta o concello: no obradoiro anterior estivo un tío seu e dispuxeron dunha axuda de emerxencia social “ainda que descoñecemos que parámetro económico se tivo en conta para elo”.

Incúmprese ademais a porcentaxe feminina que debe haber no obradoiro. Así, pese a que ésta debía supoñer o 64 por cento, a realidade é que foron admitidos 15 homes e 11 mulleres, pese a haber candidatas suficientes para cumplir o reparto establecido.

A Voceira do Grupo Municipal popular puxo asimesmo de manifesto que no proceso non se cumpriu os principios de transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación xa que os exames non estaban en sobre pechado e selado e, polo tanto, non se garantizou que o seu contido fora segredo e confidencial. O concurso tampouco foi publicitado axeitadamente nin se facilitaron as bases que o rexían como así quedaron de manifesto coas protestas realizadas por varios aspirantes.

Algúns dos participantes no proceso de selección tampouco portaban a documentación requerida na propia convocatoria remitida polo INEM sen que esto supuxera ningún tipo de amonestación por parte dos membros do tribunal avaliador.