Recuperar a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais é o principal obxectivo que se marcou María Elena Candia López tras a súa elección como nova Presidenta da Xunta Local do Partido Popular de Mondoñedo durante a asamblea celebrada para tal fin a última hora da tarde de onte na casa da xuventude e na que participaron, entre outros, o Presidente Provincial do Partido José Manuel Barreiro.
![]() |
Unha prioridade que vai emparellada, segundo ela mesma manifestou, co afianzamento do partido no municipio mediante o incremento do número de afiliados e co desenvolvemento dun intenso traballo que permita mellorar os resultados electorais nas vindeiras eleccións principiando polas nacionais do mes de marzo.
Candia López explicou que a nova executiva quere propiciar a participación e fomentar a cercanía entre todos os afiliados polo que propuxo converter a propia xunta local nun foro de debate e de intercambio de ideas. Para acadar este obxectivo desenvolverase a partir de agora unha reunión mensual da xunta local en pleno, fixada xa para todos os primeiros mércores de cada mes, que estará tamén aberta á participación de todos os afiliados que así o desexen, co fin de que todas as iniciativas que xurdan durante o desenvolvemento destas xuntanzas poidan logo trasladarse de xeito inmediato ó pleno da corporación municipal.
A nova Presidenta dos populares de Mondoñedo tamén anunciou que ten previsto fixar un calendario de reunións con colectivos veciñais e asociacións sectoriais, así como en cada un dos núcleos rurais, nas que escoitar de primeira man as súas demandas ou propostas e, de ser posible, concretarlas en feitos coa presentación de iniciativas no propio Concello a través do Grupo Municipal popular.
Crear un boletín informativo para os afiliados e buscar espacios de reunión que sirvan de referencia para os afiliados e simpatizantes é outro dos obxectivos a corto e medio plazo que se fixou Candia López, quen se mostrou moi confiada na capacidade do equipo que conforma a executiva na que, segundo dixo, se combina perfectamente xuventude e experiencia.
José Manuel Barreiro salientou na súa alocución a importancia que para o Partido Popular ten o proceso de renovación que se está a desenvolver por toda a provincia e que, segundo el, permitirá dispoñer dunha estructura sólida que deberá encargarse de afianzar e incrementar o apoio, xa de por si maioritario, co que conta o PP en Lugo.
O Presidente Provincial tamén aproveitou para animar nesta nova andaina ós integrantes da executiva e para que desenvolvan o seu traballo “a pe de rúa” para deste xeito, coñecendo de primeira man as inquedanzas dos veciños, poder aportar dende o partido e na medida que sexa posible, solucións inmediatas e, sobre todo, acordes as súas necesidades e inquedanzas.
Ademais de María Elena Candia López, a xunta local do PP de Mondoñedo está formada por María Teresa Freire Sánchez, Jorge Losada Comendeiro, Jesús Villalba Otero, Guillermo Redondas Vallejo, Irma Iglesias, José Ramón Díaz Barreira, Arturo Pumariño González, Amador Angel Guerra Ramil, José Luis Trigo Pérez, Carlos Chao Crespo e Isauro Basanta Loureiro.