Partido Popular de Lugo

O acceso á vivenda centrou o primeiro Foro de Opinión promovido polo Partido Popular

Charla sobre vivenda

Charla sobre vivenda

Novas Xeracións do Partido Popular organizaron o primeiro encontro do foro de opinión que se expón baixo o título «A vivenda: misión imposible» Os camiños cara á túa independencia».

Diego Calvo Pouso foi o relator deste encontro que se desenvolveu a partir das once da mañá na sala de xuntas da Facultade de Administración de Empresas do Campus de Lugo.

Calvo é Deputado autonómico do PP, portavoz de Vivenda no Parlamento de Galicia, Vicesecretario Xeral do PPdeG e exPresidente de Novas Xeracións en Galicia. É licenciado en Economía pola Universidade de Santiago na especialidade de Economía Pública e Política Económica e ten un master en Desenvolvemento Local e Comarcal.

 

No que respecta á súa traxectoria profesional cabe destacar que desde 1994 está nunha empresa familiar, dedicada á subministración de materiais de construción, desempeñando labores de xerencia, vendas, compras…, e que desde 2000 é Técnico de desenvolvemento de programas Europeos e traballou na candidatura do programa LEADER da comarca de Ferrol.

Este Foro de Opinión que promove o PP é unha iniciativa que xurdiu a raíz da reunión mantida polo Presidente Provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, xunto con outros cargos do partido a nivel provincial e municipal como o Portavoz Municipal, Joaquín García, o pasado día 10 con mozos de Novas Xeracións.

Considerouse oportuno pór en marcha un foro mensual de debate, aberto a todos os mozos interesados en participar, independentemente da súa ideoloxía, para que os máis novos poidan achegar a súa visión persoal da vida e, sobre todo, as súas inquietudes.

Neste sentido José Manuel Barreiro mostrouse aberto a tomar en consideración as reflexións e propostas que resulten destes encontros para, desde o Partido Popular, incorporar iniciativas tendentes a achegar solucións a estes problemas na súa actividade política. O fin último non é outro que potenciar a implicación e participación política dos máis novos, xa que deste xeito poderán achegar solucións aos problemas aos que se enfrontan.

Algúns dos problemas que xa se puxeron de manifesto naquel encontro foron o acceso á vivenda como un dos principais obstáculos cos que se atopa a xente nova, razón pola que se elixiu este tema para a apertura deste foro que terá periodicidade mensual.

Outros dos asuntos que se abordarán nos próximos meses serán a procura de alternativas de lecer ou o acceso a un posto de traballo digno, por pór só dous exemplos.