Partido Popular de Lugo

MÁIS DE 1.044 ALEGACIÓNS E TODOS OS CONCELLOS DA COSTA REXEITARON O PLAN ACUÍCOLA DO BIPARTITO FRONTE AS TRES ALEGACIÓNS PRESENTADAS AO PLAN DA XUNTA DO PPDEG

Santiago, 30 de outubro de 2007.- A actual lexislatura chegará ao seu fin cun balance de catro anos perdidos para a acuicultura en Galicia, poñendo en risco o liderado mundial que a Comunidade posuía nesta rama de actividade. Subliñouno hoxe no Parlamento o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro ao defender unha moción na que o Grupo Popular instaba á Xunta a suspender o  plan sectorial de acuicultura, que continúa en fase de elaboración, malia que concita o rexeitamento unánime de empresas, concellos, e organizacións ecoloxistas, como acreditan as 1.044 alegacións xa rexistradas na súa contra, concretamente, todos os concellos da costa rexeitaron ao Plan do bipartito, fronte ás tan só 3 alegacións que se formularan en contra o documento aprobado polo anterior Goberno desde unha estratexia de consenso con todos os sectores  implicados.

 

Unha vez constatada a parálise na que está inmerso o sector da acuicultura, o que fai perigar o liderado internacional, e o rexeitamento maioritario que concita, o PPdeG considera que o axeitado sería retomar a vixencia do Plan Sectorial de parques de tecnoloxía alimentaria na costa galega, elaborado polo anterior Executivo galego do PPdeG e paralizado polo bipartito actual.

 

CATRO ANOS PERDIDOS

 

Como consecuencia desa parálise, e da ausencia dunha alternativa, cando remate a actual lexislatura, terán transcorrido catro anos perdidos para a acuicultura galega, co agravante de que neste tempo foi expulsado de Galicia o maior proxecto acuícola do mundo (a granxa de rodaballo que Pescanova ía poñer en marcha en Muxía para producir 7.000 toneladas anuais de peixe cun investimento de 153 millóns de euros e a creación de máis de 500 postos de traballo, directos e indirectos, que finalmente se está a executar en Portugal), a paralización de todos os demais proxectos que estaban pendentes, e a perda de arredor de 40 millóns de euros de axudas á acuicultura provintes de fondos IFOP da CE.

 

A sucesión de trabas impostas pola Xunta ao proxecto empresarial que Pescanova pretendía impulsar na Costa da Morte evidenciou a “pouca consistencia dunha Consellería de Pesca sen rumbo, sen ideas e sen proxecto”, que actúa “por razóns de oportunidade política non exentas de ánimo revanchista”.

 

ACTIVIDADES COMPATIBLES

 

Balseiro Orol aproveitou a súa intervención para recordar a inconsistencia dos argumentos esgrimidos polo bipartito para anular o plan acuícola anterior: en contra do afirmado pola actual Xunta, os terreos incluídos na Rede Natura sí son susceptibles de albergar granxas acuícolas, como admitiron o Goberno central e a Comisión Europea, e tal e como entende o PPdeG.

 

“É posible compatibilizar a expansión ordenada  do sector acuícola en Galicia coa adecuada protección do medio ambiente e cunha defensa escrupulosa dos hábitats protexidos”, argumentou o voceiro de Pesca dos populares galegos.

 

O deputado popular considera que a xestión do bipartito en materia de acuicultura é a propia dun “goberno irresponsable, que non cree na acuicultura e na súa importancia para a nosa economía”, o que explica que estean a promover un plan que “expande inseguridade e desconfianza, xusto o que Galicia non necesita”.