Partido Popular de Lugo

EDUCACIÓN DEIXA SEN PRAZA A 140 ALUMNOS DE 3º DE INGLÉS NA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE OURENSE POR NEGARSE A CONTRATAR DOUS PROFESORES MÁIS PARA O CENTRO

Santiago, 1 de outubro de 2007.- A deixadez da Consellería de Educación por negarse a contratar dous profesores máis para a Escola Oficial de Idiomas de Ourense deixará sen praza neste curso a un mínimo de 140 alumnos que ían comezar o 3º curso de inglés. Denunciárono este mediodía en Ourense, a voceira de Educación do PPdeG, Manuela López Besteiro, e mailo portavoz adxunto do Gupo Parlamentario, Roberto Castro, nunha rolda de prensa na que advertiron que estas carencias non obedecen a un problema puntual, senón que se derivan da falta de previsión da Consellería de Educación, que non quixo reaccionar ante os problemas rexistrados xa hai un ano noutras escolas de idiomas da Comunidade.

 

Os 140 alumnos que non poden continuar cursando estudios de inglés na Escola Oficial de Idiomas de Ourense recibiron como única solución anotarse nunha nova lista ou matricularse no segundo nivel, repetindo curso  un ano máis. Pese a ser informado sobre estas carencias en reiteradas ocasións, o delegado provincial de Educación en Ourense continúa facendo caso omiso das demandas e non habilitou solución algunha.

 

Os deputados populares insistiron na falta de previsión da Consellería de Educación neste ámbito e explicaron que xa no curso anterior, 2006-2007, se rexistraron serios problemas nas escolas de idiomas de outras cidades de Galicia.

 

CARENCIAS EN SANTIAGO, VIGO E A CORUÑA

 

Como exemplo, na Escola Oficial de Idiomas de Vigo quedaron sen atender 1.174 solicitudes doutros tantos alumnos, mentres que en Santiago esa cifra aumentou ata os 4.089 solicitantes non atendidos (2.822 para inglés, 878 para francés e 389 para alemán).

 

Nunha resposta parlamentaria remitida pola Consellería de Educación a Manuela López Besteiro en xullo deste ano (con 9 meses de retraso respecto aos prazos que marca o Regulamento do Parlamento de Galicia), a Xunta tamén admite que na Escola de Idiomas da Coruña se rexistraron “fortes desequilibrios” e que en Vigo a demanda destas ensinanzas cuadriplica á oferta.

 

A REALIDADE DESACREDITA O DISCURSO DE TOURIÑO

 

Para o PPdeG, a deixadez da Consellería de Educación contrasta abertamente co discurso grandilocuente de Sánchez Piñón e de Touriño, que insisten constantemente na importancia de mellorar o coñecemento de idiomas estranxeiros, pero non adoptan medida algunha para facilitar esa aprendizaxe a través do sistema educativo público fóra da ensinanza obrigatoria.

 

O que si fixo o Goberno bipartito, recordan os populares, foi incrementar o importe da matrícula que deben aboar os alumnos das escolas de idiomas, sen preocuparse de adaptar a oferta á crecente demanda que rexistran estes centros.

 

Os deputados populares anunciaron a presentación de varias iniciativas parlamentarias para reclamar explicacións á Xunta sobre estas deficiencias, ademais de instar á Consellería de Educación a corrixir inmediatamente as carencias denunciadas no inicio deste curso.