Santiago, 25 de setembro de 2007.- No seu empeño por describir unha Galicia ideal e sen problemas, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ocultou esta mañá en Vigo, que a anulación do Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria, decretada polo bipartito, mantén paralizada, desde hai 2 anos, a posta en marcha de un mínimo de 15 proxectos acuícolas que implicarían a creación dun mínimo de 1.700 postos de traballo na Comunidade Autónoma.
José Manuel Balseiro, voceiro de Pesca do Grupo Popular, advirte que a parálise na que está inmersa a acuicultura desde a chegada do Goberno bipartito pon en serio risco a condición de líder mundial que tiña atribuída neste ámbito desde hai varios anos.
Esta parálise tamén condenou a Galicia perder 30 millóns de euros de fondos IFOP, que haberá que devolver ás arcas comunitarias e que, máis adiante, se traducirán nunha redución das axudas pesqueiras como consecuencia da incapacidade da Xunta para xestionar estas subvencións.
RETRASO NO PLAN ALTERNATIVO DO BIPARTITO
A intervención de Pérez Touriño serviu tamén para constatar o retraso que acumula a elaboración e posta en marcha do novo plan de acuicultura, que continúa en fase de alegacións (recibiu milleiros), a pesar de que conselleira Carmen Gallego se comprometera a telo listo xa a principios de 2007.
Anunciar, como fixo Pérez Touriño, que a Cidade do Mar contará cunha unidade técnica de Acuicultura, “é unha obviedade máis das moitas ás que nos ten acostumados o presidente da Xunta”. Nun ton irónico, Balseiro engade que “só faltaría que a Xunta non tivera en conta a importancia da acuicultura no deseño da Cidade do Mar, aínda que con esta conselleira todo é posible”.