Santiago, 17 de setembro de 2007.- A Xunta de Galicia manterá invariable a decisión de centralizar en Lugo a práctica de todas as autopsias da provincia, agás as da Mariña que se realizarán no Hospital da Costa de Burela. Tampouco variará o horario fixado para a práctica de necropsias: entre as 08,00 e as 15,00 horas. Foi a resposta da directora xeral de Xustiza da Consellería da Presidencia, Begoña Santos, a unha batería de preguntas formuladas esta tarde na Comisión 1ª do Parlamento polo deputado popular José Manuel Balseiro, facéndose eco do enorme malestar que está a provocar esa centralización, que nalgúns casos se ten traducido en demoras de máis de 24 horas para a realización das autopsias.
José Manuel Balseiro denunciou que o contrato para o traslado dos cadáveres ata a capital provincial é faudulento, porque semella que o prego de cláusulas foi elaborado a medida de unha empresa concreta. De feito, tan só se puido presentar ao concurso unha das 72 empresas funerarias que operan na provincia de Lugo, o que conduciu a unha situación de monopolio real.
Sen embargo, advertiu Balseiro, o contrato está a ser incumprido sistematicamente pola empresa adxudicataria do servizo: só unha persoa se encarga do traslado do cadáver, cando deberían ser dúas; non se respecta a cláusula que obriga a prestar o servizo nun máximo de 45 minutos (prazo imposible de cubrir desde zonas alonxadas como o Sur da provincia, O Courel ou A Mariña Lucense), ao tempo que a adxudicataria está a subcontratar os traslados con outras empresas que foran excluídas previamente pola Xunta.
CONTINÚAN AS DEMORAS INADMISIBLES
Balseiro Orol apuntou tamén que a recente decisión da Xunta de non trasladar a Lugo os cadáveres de A Mariña que deban ser sometidos a unha necropsia tampouco soluciona o problema plantexado. Aínda que as autopsias se realizan agora no Hospital da Costa, continúan a rexistrarse demoras inadmisibles, poñendo como exemplo un caso recente, no que os servizos forenses tardaron 17 horas en examinar un cadáver. Esta situación contribúe a incrementar a dor das familias dos falecidos, ademais de provocar molestias innecesarias.
O debate celebrado na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior foi seguido desde a propia Cámara autonómica por un grupo de representantes do sector das funerarias da provincias de Lugo, que se senten discriminados pola decisión da Xunta.
PERPLEXIDADE
En lugar de responder ás preguntas formuladas por José Manuel Balseiro nas que poñía de manifesto o incumprimento das cláusulas do contrato para o traslado de cadáveres na provincia de Lugo, a directora xeral de Xustiza da Xunta dedicou a maior parte da súa intervención a relatar a historia do Instituto de Medicina legal de Galicia (IMELGA), o que provocou a perplexidade dos deputados populares e dos representantes do sector funerario que seguiron a intervención en directo.
Ante a inconsistencia da resposta da directora xeral, José Manuel Balseiro anunciou que continuará trasladando este problema ao Parlamento a través de novas iniciativas parlamentarias.
A deputada popular Susana López Abella, presente no debate, xunto co tamén deputado Dámaso López, anunciou a presentación de novas iniciativas concretas relacionadas cos retrasos que están a afectar á zona sur da provincia e para reivindicar que se volvan realizar autopsias en Monforte de Lemos, como xa demandara Balseiro ao inicio da intervención.