Partido Popular de Lugo

TOURIÑO MINTE AO PARLAMENTO CANDO AFIRMA QUE OS NENOS GALEGOS TEÑEN LIBROS GRATIS

Santiago, 12 de setembro de 2007.- Os nenos galegos continúan sen gratuidade total dos libros de texto a pesar das mentiras vertidas esta mañá polo presidente da Xunta no Pleno do Parlamento cando afirmou que eses textos son de balde.

 

Manuela López Besteiro, voceira de Educación de Grupo Popular, aclara que os pais de nenos galegos escolarizados nos niveis obrigatorios estanse vendo obrigados, estes días, a desembolsar cartos do seu peto e pagar en efectivo os libros que a Xunta non lles facilita a través do sistema de préstamo que comezou a implantar o anterior Goberno do PPdeG na pasada lexislatura. A esa cifra hai que sumar o importe necesario para adquirir o material didáctico que precisa cada escolar.

 

PRESUPOSTO INSUFICIENTE 

O afán electoralista levou á Xunta a anunciar a universalización do programa de gratuidade de libros de texto nos niveis obrigatorios, cando o certo é que se trata dun programa de préstamo que non conta co orzamento suficiente.

Para suplir esas carencias, Educación está a cursar instrucións aos directores dos centros para que destinen á compra de libros partidas presupostarias non previstas para esa finalidade –como a de gastos de funcionamento, o que constitúe unha irregularidade- e que os pais merquen directamente os volumes que non cubre o presuposto.

Como efecto colateral, o establecemento de prezos libres para os libros de texto está a provocar distorsións no mercado e pon en risco a supervivencia das pequenas librerías.

 

O presidente da Xunta tamén mentiu cando falou dos comedores escolares. Ocultou o presidente da Xunta que neste curso 2007-2008 funcionará o mesmo número de comedores que no curso pasado, sen que se incrementara a oferta dispoñible. Neste contexto, a Xunta non está en condicións de poder ofrecer este servizo a todos os alumnos que o requiran.

 

ELECTORALISMO E DESCOÑECEMENTO

Os populares galegos interpretan que as mentiras vertidas hoxe polo presidente da Xunta enmárcanse no electoralismo que guía todas as súas actuacións, pero tamén están vinculadas co seu descoñecemento da realidade, froito do illamento de Monte Pío e da realidade virtual que trata de describir con informes oficiais sustentados sobre datos ficticios.