Partido Popular de Lugo

A XUNTA RACHA A LIBERDADE DOS PAIS PARA DETERMINAR SE OS SEUS FILLOS SERÁN ESCOLARIZADOS EN GALEGO OU EN CASTELÁN

Santiago, 12 de setembro de 2007.- O decreto sobre o ensino do galego, aprobado recentemente pola Xunta, racha a liberdade dos pais para determinar o idioma materno –galego ou castelán- no que se iniciará a escolarización dos seus fillos e converte á Consellería de Educación en refén das esixencias lingüísticas do BNG, logo de romper unilateralmente, e mediante enganos, o texto pactado previamente entre os tres grupos con representación parlamentaria, incluído o PPdeG.

 

Manuela López Besteiro, voceira de Educación do Grupo Popular, volveu denunciar a situación esta mañá no Parlamento, ao defender unha proposición non de lei na que insta á Xunta a retomar o consenso que permitiu aprobar por unanimidade a Lei e o Plan de Normalización Lingüística, que fixeron posible que Galicia atravesara un clima de convivencia dos dous idiomas oficiais ao longo dos últimos máis de 20 anos.

 

López Besteiro insistiu no carácter plenamente galeguista do PPdeG, pero aclarou que iso non implica calar ante o intento de imposición do monolingüísmo infantil que está a promover o Executivo de Pérez Touriño ou ceder cotas de liberdade persoal dos pais, dos alumnos e dos profesores.

 

UN TRIBUTO MÁIS DE PÉREZ TOURIÑO AO NACIONALISMO

López Besteiro interpreta que o decreto sobre o ensino do galego constitúe un dos tributos que Pérez Touriuño debeu ofrecer ao BNG a cambio de garantizar a súa permanencia en Monte Pío, o que explica o engano ao que a Consellería de Educación someteu ao PPdeG durante a negociación dun decreto que, coa súa redacción actual, non recolle as recomendacións do Consello Consultivo para axustalo á lexislación en vigor.

Recordou a deputada que o propio Pérez Touriño anunciou a ruptura unilateral do consenso pactado anteriormente co PPdeG sen que a conselleira lle comunicara previamente decisión algunha aos seus interlocutores populares. López Besteiro está convencida de que Educación xa tiña tomada a decisión de rachar o pacto previo acadado co PPdeG desde moito antes de aprobar o decreto no Consello co obxectivo último de preservar a gobernabilidade.

 

A voceira de Educación dos populares galegos revelou que meses antes de que o bipartito aprobara o decreto de ensino do galego, a conselleira do ramo, Laura Sánchez Piñón, tentou utilizar ao PPdeG para manter baixo control as esixencias do BNG encamiñadas a  implantar o monolingüísmo en Galicia, a través dun modelo que se inicia nas Galescolas e continuaría ao longo dos distintos niveis do ensino obrigatorio.

 

O PSOE RECORREU A LEI DE NORMALIZACIÓN ANTE O TC

Fronte ao compromiso do PPdeG en defensa do galego e do bilingüismo, a deputada popular acusou ao PSOE de actuar por oportunismo advenedizo, recordando que foi un Goberno central do PSOE o que presentou un recurso de insconstitucionalidade contra a Lei de Normalización de 1983, promovida xa entón polo Partido Popular.

Na súa intervención parlamentaria, López Besteiro animou á Xunta a reconsiderar a súa postura para recuperar o consenso lingüístico, cun decreto reformado que plasme catro cuestións esenciais:

·        Garantía de que haberá un equilibrio total entre o galego e o castelán en horas de docencia. Fixar unha proporcionalidade entre as dúas linguas do 50% cada unha, sen prexuízo de poder introducir unha terceira lingua estranxeira, de xeito que os escolares non sexan obrigados a estudar nin máis castelán que galego, nin máis galego que castelán.

·        Garantía de que os alumnos podan elixir libremente a lingua coa que se expresen nas aulas e nos exames, salvo nas materias específicas de galego e castelán.

 

·        Garantía de que serán os pais os que determinen a lingua materna na que serán acollidos e escolarizados os  seus fillos en Educación Infantil, incluídas as Galescolas.

 

·        Garantía de que ao final de cada curso e de cada ciclo de ensinanza os alumnos saberán empregar as dúas linguas oficiais de Galicia ao mesmo nivel.

APELACIÓN Á RESPONSABILIDADE DO PSOE GALEGO

Manuela López Besteiro apelou á responsabilidade do PSOE ao advertir que “flaco favor se lle fai ao galego se convertemos a lingua en patrimonio de algúns, en instrumento ideolóxico de outros ou signo de identidade duns cantos”.

A voceira de Educación dos populares insistiu en que “o galego é de todos os galegos e debe ser promovido e impulsado por todos; a cohabitación debe continuar, pero con garantías outorgadas por un Goberno sólido, e non por un bipartito no que conviven xuntos, pero encontrados”.