Partido Popular de Lugo

BALSEIRO PROPÓN REDENOMINAR O PLAN DE REEQUILIBRIO COMO PLAN DE INCUMPRIMENTOS E RECLAMA A PESCA QUE CONCRETE PRAZOS E ORZAMENTOS DAS SÚAS INTERVENCIÓNS

Santiago, 20 de agosto de 2007.- O voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, propón que a Xunta de Galicia redenomine o Plan de Reequilibrio Territorial para referirse a el como plan de incumprimentos do bipartito, na medida en que a maior parte das actuacións anunciadas xa foran programadas polo anterior Executivo do PPdeG, pero foron paralizadas coa chegada de Pérez Touriño ao Goberno  galego.

 

Balseiro Orol formulou unha interpelación e unha pregunta oral en Comisión, no Parlamento galego, para tratar de determinar, no ámbito competencial da Consellería de Pesca, cales serán as obras a realizar.

 

O deputado popular reclama tamén que a Xunta fixe prazos de execución, orzamentos programados e localidades nas que se van executar, dado o elevado nivel de inconcreción que presenta o documento, tanto no referido á Consellería de Pesca como nos restantes departamentos autonómicos.       

 

SEN ORZAMENTO PROPIO

 

Os populares galegos interpretan que o Plan de Reequilibrio Territorial, elaborado por unha empresa de consultoría por encargo do bipartito e presentado polo presidente da Xunta o pasado 25 de xuño, carece de orzamento propio –no mellor dos casos non terá consignación específica ata o exercicio de 2008- e tampouco está previsto que se coordine desde un órgano específico da Administración Autonómica que garanta o cumprimento dos prazos ou que as partidas económicas se destinen á finalidade prevista.
Para o PPdeG o documento está cheo de conceptos baleiros de contido e non concreta as medidas a acometer. Constata tamén que das actuacións recollidas no pseudo-plan presentado pola Xunta acumulan máis de dous anos de retraso e nin sequera recupera todos os proxectos atrasados.

 

O soporte financeiro do Plan tampouco resulta rigoroso, posto que non se especifica a porcentaxe de fondos propios que mobilizará a Xunta. Os recursos procedentes dos Presupostos Xerais do Estado enmárcanse en plans cofinanciados e nada permite afirmar que se trate de fondos novos, conseguidos expresamente con esta finalidade.

 

RESPALDAR AOS ALCALDES DO PSOE

 

A análise do documento conclúe que o plan está orientado a reforzar aos alcaldes do PSOE, xa que dos 26 municipios dinamizadores, 13 teñen rexedores socialistas, 3 do BNG, 3 independentes e 7 do PPdeG, pese a que os populares gobernan en 160 municipios  galegos.