Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2007.- A ausencia total de iniciativas e o seguidismo da política do Goberno central por riba dos intereses do sector pesqueiro galego marcan as actuacións da consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, cando se cumpren dous anos da chegada ao poder do Bipartito. Así o puxo de manifesto hoxe, o voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro.
Balseiro, que fixo balance en rolda de prensa da situación actual do sector pesqueiro en Galicia, desde que o Bipartito goberna a Xunta, asegurou que ‘daquel programa-contrato asinado polo PSdeG e polo BNG en materia de pesca, cando acadaron o poder, non queda nada ou case nada’.
Neste sentido, o voceiro popular de Pesca denunciou que ‘a falla de concreción de propostas e a ausencia de contido real fan que máis do 90% dos proxectos que aparecían naquel acordo, e que se comprometeron a levar a cabo, permanezan, a día de hoxe, totalmente esquecidos’.
UNHA CONSELLERÍA ‘MAL PAGADORA’
Nun primeiro termo, José Manuel Balseiro subliñou que a lentitude no abono de moitas axudas está a tirar por terra a aposta polo futuro do sector pesqueiro como actividade económica estratéxica para Galicia.
Neste sentido, lembrou que a consellería de Pesca acumula ás súas costas unha longa nómina de comportamentos de mal pagador. ‘So hai que lembrar –dixo- os graves retrasos producidos na concesión de axudas para paliar os danos ocasionados polas riadas, ocorridas fai xa máis de sete meses; a negativa da Xunta a asumir a contía autonómica das axudas destinadas a un sector en crise como é o da anchoa; ou a exclusión do plan de recuperación do polbo dos pescadores artesanais’.
Segundo Balseiro, con esta política estase a provocar un grave prexuízo a moitas familias e a desincentivar a aqueles que entenden a pesca e o marisqueo como o seu emprego ou o seu futuro emprego.
Asimesmo, o voceiro popular asegurou que a Administración autonómica segue sen facer nada para promover unha mellor regulación laboral do sector, con máis protección social que favoreza o relevo xeracional, así como tampouco se impulsaron melloras das condicións laborais e de seguridade dos traballadores.
EXPULSIÓN DA MAIOR PLANTA ACUÍCOLA DO MUNDO
A paralización do Plan de Acuicultura do Goberno anterior, e a expulsión de Galicia da maior planta acuícola do mundo que Pescanova instalará finalmente en Portugal, son dous exemplos que deixan ao descuberto as trabas que o Bipartito impón as empresas de acuicultura, incumprindo flagrantemente o acordo de promover que os produtos de acuicultura manteñan o seu liderato tanto nos mercados tradicionais como nos novos mercados.
Balseiro subliñou tamén que ‘a falla de investimentos e o desaproveitamento dos fondos europeos IFOP, destinados a potenciar este tipo de empresas e a súa innovación, amosa ademais, un claro incumprimento en materia de consolidación dos mellores sistemas de comercialización e xestión’.
INCUMPRIMENTO DA PROTECCIÓN DE RECURSOS
O voceiro popular denunciou tamén o incumprimento por parte de Pesca da lexislación sobre protección de recursos, ‘deixando vendidos e desprotexidos aos centos de familias que viven do seu traballo no mar’.
Neste sentido, Balseiro instou novamente á Xunta a que actúe nunha dobre dirección: que cumpra a Lei de creación do Servizo de Gardacostas e recupere a colaboración da Unidade da Policía Autonómica para a loita contra o furtivismo, e que poña en servizo a totalidade dos medios do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mantén parte da súa flota amarrada en porto.
‘A colaboración que a Policía Autonómica viña prestando aos Gardacostas supoñía un complemento perfecto e permitía actuar ante situacións que exceden as competencias dos funcionarios da Xunta: infraccións de tipo penal, alteracións da orde pública ou realización de identificacións’.
Paralelamente, tal e como ven denunciando o PPdeG desde hai meses, as embarcacións dos Gardacostas que deberían loitar contra o furtivismo pasan máis tempo amarradas que facendo os seus labores.
MÁIS VULNERABLES ANTE UN EPISODIO DE CONTAMINACIÓN
Balseiro denunciou tamén o aumento de vulnerabilidade de Galicia ante calquera situación de contaminación mariña, como se demostrou recentemente coas riadas que encheron de lodo numerosos bancos marisqueiros do litoral, sen que a Xunta fora quen de activar o Plan de Continxencias previsto para minimizar este tipo de situacións.
Tamén lembrou a improvisación do ‘desgoberno da Xunta bipartita’ no caso Ostedijk, que non debería de terse producido se continuara o estudio de viabilidade e remolque de buques en caso de emerxencia previsto polo goberno anterior do PP.
‘A obsesión polo revisionismo –afirmou- fixo que a consellería de Pesca paralizara todos os instrumentos que existían con anterioridade sen ofrecer ningunha alternativa. A pesar das reiteradas ocasións nas que o presidente da Xunta falou dun novo Plan de Continxencias non foi activado nos últimos casos acontecidos nas nosas costas’.
GALICIA NON EXISTE EN EUROPA NIN EN MADRID
Desde que o Bipartito chegou ao poder Galicia xa non é protagonista nas decisións da Unión Europea nin nas do Goberno central.
A política de seguidismo da Xunta das directrices de Ferraz fan que ante Europa o Executivo autonómico non sexa quen de defender os intereses do sector galego, como amosan as malas decisións sobre a parada biolóxica da anchoa, a pescada, e as axudas destinadas a recuperar o polbo, ou tamén, para a recuperación dos bancos marisqueiros arrasados polas riadas.
A mellor mostra desta ineptitude e falla de peso do Goberno galego en Europa atópase, segundo Balseiro, na negociación respecto das zonas C, áreas de produción marisqueira non aptas, onde Galicia non pediu unha moratoria na aplicación destes regulamentos europeos pese aos prexuízos que esta situación provoca en moitas localidades galegas.
‘Mentres a Xunta pecha ao marisqueo zonas de produción do litoral galego –dixo-, unha ducia de países extracomunitarios poden vender en Europa marisco extraído en áreas similares ás pechadas aquí, logo de acollerse a unha vía de excepcionalidade que xa fora ultimada polo anterior Executivo do PPdeG e que o Bipartito rexeitou sen explicación algunha’.
A inexistencia dunha reforma da Lei de Confrarías, necesaria para incrementar a participación dos diferentes sectores e a súa representatividade, así como a parálise na que está inmerso o Comité Científico Galego de Pesca, encargado de analizar o estado dos recursos, e que non se volveu reunir desde maio de 2005, demostran segundo Balseiro que ‘no paso do ecuador desta lexislatura, o sector pesqueiro é un dos grandes esquecidos deste Goberno e a Consellería, unha das que máis frontes ten abertos’.