Partido Popular de Lugo

A TAXA DE ACTIVIDADE DE GALICIA SITÚASE 4,5 PUNTOS POR DEBAIXO DA MEDIA ESPAÑOLA E CONVÉRTESE NO PRINCIPAL ESCOLLO PARA O CRECEMENTO DO EMPREGO

Santiago, 31 de xullo de 2007.- Cunha taxa de actividade do 54,39%, Galicia sitúase 4,47 puntos por debaixo da media do Estado, onde ese indicador acadaba o 58,86% ao remate do segundo semestre deste ano, segundo a última entrega da Enquisa de Poboación Activa. Susana López Abella, voceira de Emprego do Grupo Popular denunciou hoxe que a insuficiente incorporación de poboación activa ao mercado laboral se converteu no principal escollo para o crecemento do emprego en Galicia.

 

Mentres no conxunto do Estado a poboación activa rexistra un crecemento interanual do 3,3% (2006 sobre 2005), en Galicia esa evolución limítouse ao 1,4%. Este diferencial de crecemento supón un serio toque de atención, segundo os populares galegos, que advirten que se non corrixirse a tendencia, os datos poderán ser aínda máis negativos a medio prazo.

 

Os populares galegos recordan que o mercado laboral de Galicia presenta unha dinámica positiva, cun crecemento constante do emprego desde o ano 1997 e atribúen o bo comportamento do emprego nos dous ano de Goberno bipartito á inercia herdada do Goberno anterior. Sen embargo, advirten que esa dinámica se enfronta a un horizonte pesimista derivado da insuficiente incorporación de poboación activa ao mercado laboral, a destrución de emprego industrial e a anunciada desaceleración da actividade relacionada coa construción residencial.

 

Como exemplo, López Abella recordou que o número de  ocupados medrou un 4,2% no ano 2000 e un 3,3% en 2003, mentres que a poboación activa medou a un ritmo do 2,6 e do 4% respectivamente. Pola contra, no ano 2006, aínda que o número de ocupados medrou un 3%, os activos incrementáronse só  un 1,4%, como reflicte o seguinte cadro

 

Comportamento do mercado de traballo en Galicia. Datos EPA
Anos
Crecemento ocupados
Crecemento poboación activa
2000
4,2%
2,6%
2003
3,3%
4%
2006
3%
1,4%

 

Nunha rolda de prensa celebrada este mediodía no Parlamento de Galicia, a deputada lucense lamentou que o Executivo bipartito bipartito teña anulado algúns dos programas que xa estaban en marcha e ofrecían resultados sumamente satisfactorios, como Plan Labora, orientado a facilitar aos mozos un primeiro contacto co mercado de traballo unha vez rematados os seus estudos, cun grao de inserción laboral próximo ao 60% .        

 

López Abella, apuntou que o Executivo bipartito se dedica a alimentar a súa autocompracencia con investimentos millonarios en publicidade institucional e “un remexido de datos heteroxéneos sacados de diferentes estatísticas,  malia que non respondan a criterios homoxéneos”.   

 

APARATO OFICIAL DE PROPAGANDA

Como exemplos da discordancia dos datos utilizados polo “aparato oficial de propaganda” da Xunta, a voceira popular referiuse ás cifras do paro rexistrado polas oficinas de emprego (143.156 parados en Galicia ao rematar xullo de 2007 e 1.965.900  no conxunto do Estado), que presentan valores moi superiores aos da EPA (98.000 parados en Galicia no segundo trimestres do ano e 1.760.100 desempregados no conxunto de España).
 

O feito de que a EPA só reflicta o 68,45% dos parados rexistrados como demandantes dun posto de traballo nas oficinas de emprego de Galicia  resulta chamativo e merece unha explicación aínda non ofrecida pola Xunta. Pero resulta aínda máis sorprendente se se ten en conta que, no conxunto do Estado, a EPA reflicte o 89,53% dos demandantes de emprego rexistrados na totalidade das CC.AA, segundo se pode comprobar no seguinte cadro.

 

Paro EPA
2º trimestre 2007
Paro rexistrado
Xuño 2007
% de paro EPA sobre paro rexistrado
GALICIA
98.000
143.156
68,45
ESPAÑA
1.760.100
1.965.900
89,53

 

UN TERZO DOS OCUPADOS, EN PRECARIO

Fronte a esforzo propagandístico do bipartito, a deputada popular recordou a elevada precariedade do mercado laboral de Galicia, que presenta unha taxa de temporalidade do 33,7% no sector privado, e se eleva ata o 34% no caso das mulleres.

TEMPORALIDADE GALICIA –SECTOR PRIVADO

 

Total
homes
mulleres
GALICIA
33,7%
33,5%
34%

 

A deputada chamou a atención sobre a crecente destrución de postos de traballo que se está a rexistrar no sector industrial de Galicia. Nos dous últimos anos (entre o segundo trimestre de 2005 e o mesmo período de 2007), Galicia perdeu 5.400 empregos no sector industrial, rachando así unha tendencia de crecemento continuado do emprego nesa rama de actividade durante os exercicios anteriores. Mentres ao rematar o segundo trimestre de 2005, Galicia contaba con 216.500 empregos no sector industrial, esa cifra reduciuse a 211.100 ao finalizar xuño deste ano.

 

TOURIÑO MENTIU SOBRE O FUTURO DE FADESA

Paralelamente, Susana López Abella referiuse á redución do cadro de persoal de Fadesa na Coruña e acusou ao presidente da Xunta de ter mentido ao conxunto da sociedade galega sobre o futuro da empresa, na medida en que ofreceu garantías plenas de que os postos de traballo da cidade herculina non se ían ver afectados e, a día de hoxe, máis da metade dos empregados xa están fóra.
 

“Xa está ben de que o presidente da Xunta se comporte como un pincerna. Pérez Touriño leva dous anos investido como presidente da Xunta pero, lamentablemente, semella que ten abdicado das responsabilidades inherentes a ese cargo: minte aos cidadáns e inhíbese das súas responsabilidades en lugar de velar polos intereses do conxunto da sociedade, como ten sucedido co cadro de persoal de Fadesa”, engade López Abella.