Santiago, 28 de xullo de 2007.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, presentou unha iniciativa parlamentaria para reclamar unha intervención decidida da Xunta de Galicia en relación coa crise que está a afectar ao sector dedicado á captura da pescada como consecuencia da constante caída dos prezos que ameaza con facer nono rendible a pesquería actual no Gran Sol.
O deputado popular amosa así a súa preocupación sobre unha situación crítica que vén sendo denunciada por mariñeiros e armadores galegos, que xa valoran a posibilidade de amarrar os seus barcos ante a considerable perda de ingresos que están a rexistrar. Nese sentido, José Manuel Balseiro, pregunta á Xunta de Galicia polas xestións que xa debería estar realizando con outras administracións para tratar de solucionar este problema.
O Grupo Popular esixe ao Executivo autonómico que realice un estudo para avaliar as circunstancias que provocan esta caída nos prezos, e as posibles solucións a adoptar, co obxecto de non prexudicar aínda máis a un sector xa de por si castigado. O PPdeG considera especialmente necesario valorar a incidencia da entrada de pescado foráneo sobre esta caída dos prezos.
COIDAR A ETIQUETAXE
O parlamentario popular insiste na necesidade de incrementar os controis sanitarios e o correcto etiquetado do peixe procedente doutros países, especialmente naqueles casos no que producen entradas masivas de pescada foránea, por canto este feito podería provocar a confusión ao consumidor final, ao que se “induce a mercar peixe procedente de portos estranxeiros en vez do que recala nos nosos portos”. Balseiro Orol subliña a importancia dunha actuación coordinada do Goberno central e galego que impida que a flota galega continúe perdendo peso no mercado.
INQUEDANZA DO SECTOR BONITEIRO
Balseiro Orol tamén se fai eco das inquedanzas que afectan ao sector boniteiro, sometido a unha caída nos prezos similar á da pescada, ante a indeferenza da Consellería de Pesca. O deputado salienta a importancia dos controis que se efectúan nos portos de Galicia e chama a atención sobre as campañas de promoción do bonito galego que por parte da Consellería de Pesca, que se viron reducidas desde que accedeu ao poder o novo Goberno bipartito.