Partido Popular de Lugo

O PPdeG CONSIDERA QUE A VISITA DE ZAPATERO CONFIRMA O RETRASO DO AVE E LAMENTA QUE NON ANUNCIASE UN SÓ COMPROMISO CONCRETO PARA GALICIA

Santiago, 13 de xullo de 2007.- A visita efectuada onte a Vigo polo presidente do Goberno central serviu para confirmar, implicitamente, que Galicia será a última Comunidade Autónoma do Estado en dispoñer de alta velocidade ferroviaria, que non se materializará ata arredor do ano 2020. Así o considera o PPdeG, segundo explicou hoxe o vicepresidente dos populares galegos, José Manuel Barreiro, nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia.

 

Barreiro Fernández argumentou esta afirmación recordando que, a día de hoxe, resulta materialmente imposible que o AVE chegue a Vigo no ano 2012, dado o tempo necesario para redactar os proxectos construtivos, completar a tramitación administrativa dos mesmos e executar unhas obras que entrañan unha elevada complexidade técnica.

 

AUSENCIA DE COMPROMISOS

Pola contra, e malia esa suma de dificultades, Zapatero pasou por Vigo sen efectuar compromiso algún, tanto no relacionado cos presupostos que haberá que comprometer nos vindeiros exercicios, como no cronograma previsto para os tramos Vigo-Ourense e Ourese-Lubián. O PPdeG tamén bota en falta algún anuncio relacionado co futuro da Cidade do Mar, a pesar de que a suposta razón da presenza gobernamental en Vigo obedecía á aprobación do Plan Nacional de I+D+i.

O vicepresidente dos populares galegos enmarcou a negativa de Rodríguez Zapatero a recibir aos traballadores da mina de Serrabal, afectada polo trazado do AVE Santiago-Ourense, malia que nesa explotación dos concellos coruñeses de Vedra e Boqueixón se extrae o mellor cuarzo do mundo para a fabricación de silicio solar, ao feito de que está a gobernar “de costas á cidadanía, lonxe da rúa, como tamén fai Pérez Touriño desde o seu reduto de Monte Pío, afastado da realidade social”.

 

ZAPATERO DESACREDITA AS PROPOSTAS DE TOURIÑO

Non obstante, a visita de Rodríguez Zapatero si conseguiu outros obxectivos. Ao anunciar a construción do primeiro satélite de observación terrestre de tecnoloxía española, desautorizou e desacreditou publicamente a proposta efectuada hai tres semanas polo presidente da Xunta, cando anunciou o lanzamento dun satélite galego de comunicacións. Xa daquela, a idea fora cuestionada de inmediato por diferentes expertos en telecomunicaciós e polo propio conselleiro de Industria.

Ademais, coa súa presenza en Vigo, Rodríguez Zapatero buscaba reducir a tensión que caracteriza as relacións entre o presidente da Xunta e o novo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que conta co respaldo do secretario de organización do PSOE, Pepe Blanco, para tratarse erixirse como contrapeso de Touriño no seo do socialismo galego. En terceiro lugar, a visita efectuada onte a Vigo por Rodríguez Zapatero e algúns dos seus ministros serviu para poñer en escea o arranque da súa precampaña electoral, financiada con cartos públicos.

COHERENCIA PERSOAL E POLÍTICA

Paralelamente, José Manuel Barreiro anunciou que hoxe presentará a súa renuncia como deputado autonómico ante a Mesa do Parlamento, xa que este cargo é incompatible co de deputado provincial, do que vai tomar posesión mañá en Lugo. Barreiro Fernández atribuíu esta decisión á “coherencia” que caracteriza a súa traxectoria persoal e política.

José Manuel Barreiro apuntou que continuará traballando na primeira liña da política galega na súa condición de vicepresidente do PPdeG e marcou, como primeiro obxectivo, unha ampla vitoria deste partido nas próximas Eleccións xerais.

Insistiu en que, como presidente provincial do PPdeG en Lugo, se vai centrar en preparar a organización desta formación para as próximas Eleccións xerais, autonómicas e unhas novas municipais nas que se propón recuperar a Deputación Provincial e a maioría absoluta nos concellos que durante esta lexislatura van estar gobernados por un bipartito integrado por concelleiros do PSOE e do BNG. Como medida a acometer a curto prazo, Barreiro Fernández desvelou á celebración de congresos locais do PPdeG para poñer a organización ao día, efectuando os axustes que a militancia considere necesarios