Chegou á política, por vía municipal, no ano 1995. Desde entón, o actual presidente provincial do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, foi concelleiro, deputado autonómico, conselleiro e vicepresidente da Xunta. Agora acaba de renunciar á acta de deputado no Hórreo para exercer como líder do grupo popular na Deputación lucense, desde os bancos da oposición. Di que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, non tivo nada que ver na súa decisión, asegura que non se propón abrir expediente a Francisco Cacharro Pardo pola súa falta de colaboración electoral nas últimas municipais e anuncia un intenso traballo de organización do PP lucense.
-¿Por que deixa o Parlamento para facer oposición na Deputación de Lugo?
-Por coherencia persoal e política. O partido propúxome como candidato á presidencia da Deputación; somos a forza máis votada, pero hai unha coalición de goberno e, no meu caso, o coherente é estar ao fronte do meu grupo na Deputación. Por outro lado, falei cos compañeiros da provincia e todos viron positivo que eu exercese como responsable da oposición na Deputación.
-¿Influíu na súa decisión o presidente do PPdeG?
-Núñez Feijoo non se meteu para nada neste tema. A el pareceulle ben a decisión. Comenteilla o pasado mércores, antes da reunión da interparlamentaria en Vigo onde a fixen pública. Non influíu absolutamente para nada.
-¿Como vive o cambio de responsabilidades?
-Aínda que poida parecer un tópico, eu entendo a política, primeiro dentro dun proxecto, neste caso o Partido Popular, e, segundo como unha maneira de canalizar determinadas accións en beneficio da comunidade. Isto quere dicir que a veces as aspiracións persoais, sendo lexítimas, pasan a un segundo termo. Fun vicepresidente da Xunta, fun conselleiro de Medio Ambiente; agora a miña aspiración era presidir a Deputación de Lugo e non foi posible; traballaremos para que sexa posible na próxima ocasión. Sigo participando na política autonómica porque son vicepresidente do partido a nivel galego (e tamén membro do comité executivo nacional); teño marcos partidarios suficientes para canalizar as miñas inquietudes. E paréceme que neste momento debo focalizar os meus esforzos na provincia de Lugo; que isto implica renuncias persoais, é evidente.
-¿Prevé abrir expediente a Francisco Cacharro?
-Non, ese tema non chegou a plantearse en ningunha xunta directiva. É verdade que non houbo pola súa parte espírito de colaboración co partido; pedinlle colaboración e el non creu oportuno dala. O tema do expediente non se chegou a plantear para nada; eu son unha persoa á que lle gusta mirar cara ao futuro.
-Lugo non ten xunta local do PP. ¿Pensa constituíla?
-Hai dúas provincias sen xunta local na capital: Lugo e Ourense. Eu son partidario de que en Lugo se constitúa a xunta local, pero non sei se é o momento oportuno pola proximidade das eleccións. É un proceso que quero que estea vinculado ao grupo municipal, pero que, como presidente provincial, quero dirixir directamente.