Santiago, 12 de xullo de 2007.- O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, presentou hoxe o contido dun estudo elaborado por un comité de expertos do PPdeG que conclúe que o impacto negativo dos incendios de agosto do ano pasado, e as enchentes posteriores, situaron a riqueza troiteira dos ríos galegos ao borde da extinción, ao afectar de cheo á capacidade de reprodución desta especie.
O ano 2006 ficará na memoria colectiva como un ano no que Galicia quedou literalmente abrasada polos incendios que asolaron arredor de 100.000 hectáreas de superficie, deixando detrás unha paisaxe desoladora de destrución e morte na que pereceron gran cantidade de especies animais e vexetais que habitaban os nosos montes.
IMPACTO SEN PRECEDENTES
Pero o efecto destes lumes non rematou aí, e tralos incendios chegaron as enchentes do outono, provocadas fundamentalmente pola falta de vexetación arbórea, e que supuxeron o arrastre de cinza, restos forestais e terra aos ríos de Galicia, o que xerou un impacto sen precedentes na fauna piscícola.
Como consecuencia destes arrastres, moitos frezadeiros deixaron de ser utilizados polos peixes para efectuar o desove, ou ben este desove se efectuou en lugares non axeitados, facendo que moitas crías nunca viran a luz. Recordan os populares galegos que esta situación vai ter consecuencias negativas nos vindeiros anos, posto que a poboación ictícola dos ríos galegos vai diminuír de xeito drástico, e, por conseguinte, o número de capturas nas vindeiras tempadas vaise reducir considerablemente.
Ao mesmo tempo, a turbidez provocada polos arrastres provocou un descenso notable dos niveis de osíxeno da auga dos ríos, o que se traduciu nunha elevada mortandade da fauna fluvial.
Os efectos destes impactos negativos confirmáronse durante a pasada primavera, ao constatarse a desaparición dos exemplares inmaduros de troita na maior parte dos ríos galegos, mentres que os exemplares maduros case non desovaron na tempada de 2007.
MAIOR AFECTACIÓN NA CORUÑA E PONTEVEDRA
Estudos efectuados por expertos do PPdeG confirman que a situación afecta a todo o territorio da Comunidade Autónoma, aínda que é especialmente intensa nas provincias da Coruña e Pontevedra, as máis afectadas polos incendios do verán de 2006 e as posteriores enchentes. O deterioro da fauna piscícola é especialmente intenso nos ríos Lérez e Umia, en Pontevedra; no Tambre e nos afluentes do Xallas, na Coruña; e no río Soldón (afluente do río Sil) en Lugo.
Os expertos da Comisión de Medio Ambiente do PPdeG consideran que se trata dunha situación de extrema gravidade. Ao romper a pirámide de poboación da troita, neste ano e os seguintes producirase unha redución drástica da poboación piscícola. Na campaña de pesca fluvial deste ano, as capturas non revelaron aínda ese descenso dramático da pirámide de poboación, porque os efectos negativos se están a producir sobre os exemplares inmaturos e pequenos, pero non sobre os maduros, que son os que se pescan. As troitas maduras, que foron as únicas capaces de resistir o impacto ecolóxico dos incendios, aínda viven, pero sen ser capaces de reproducirse adecuadamente.
MEDIO AMBIENTE SUSPENDE AS REPOBOACIÓNS
A pesar desta situación, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta aínda non tomou conciencia da envergadura desta crise, polo que tampouco adoptou medida algunha para atallar o problema. De feito, tal como denuncia o PPdeG, Medio Ambiente anulou o programa de cría de troitas e repoboacións que desenvolveu durante anos o anterior Goberno da Xunta de Galicia. Gracias a ese programa, cada ano soltábanse nos ríos galegos máis de 150.000 alevíns e case 100.000 troitas maduras. Pola contra, en 2007, xa non se fixeron repoboacións sistemáticas nos ríos da Comunidade Autónoma.
Estimacións efectuadas polos integrantes da Comisión de Medio Ambiente do Grupo Popular apuntan que para reconducir esta situación, sería necesario poñer en marcha un plan extraordinario de repoboacións dos leitos fluviais para soltar nos ríos de Galicia, antes da primavera de 2008, máis de 500.000 alevíns e 300.000 troitas adultas cos que garantir a recuperación futura do equilibrio das poboacións piscícolas autóctonas nos ríos galegos.