Partido Popular de Lugo

O PPdeG APOSTA POLO CONSENSO PARA APROBAR A LEI DE VIOLENCIA DE XÉNERO E CONFÍA EN NEGOCIAR AS EMENDAS PENDENTES ANTES DO PLENO DA PRÓXIMA SEMANA

Santiago, 10 de xullo de 2007.- O PPdeG aposta polo consenso para aprobar o Proxecto de lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que se someterá a votación no Pleno Extraordinario do Parlamento que se celebrará a próxima semana e agarda chegar a acordos satisfactorios con PSOE e BNG en relación coas dez emendas que mantén vivas.

 

Susana López Abella, voceira de Muller e Igualdade do Grupo Popular, apunta que o seu Grupo se abstivo esta mañá, na votación do informe de ponencia do Proxecto de Lei, por mor da decena de emendas que agarda negociar ao longo da semana que resta para o Pleno. Se embargo, tal e como ten apuntado o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, os populares galegos apostan polo consenso en asuntos de tanta transcendencia como a lei de violencia de xénero, polo que votarán a favor do texto que se someta a consideración do Pleno da Cámara o vindeiro 17 de xullo.      

 

XULGADOS ESPECÍFICOS DE ÁMBITO COMARCAL

Entre as emendas que se manteñen vivas figura unha na que os populares galegos  reclaman a creación de xulgados de violencia de xénero de ámbito comarcal para asegurar unha resposta inmediata ante este tipo de casos, posto que na actualidade só están creados dous órganos específicos con sede en Vigo e a Coruña. Esta escasa dotación contrasta co feito de que cada día 8 mulleres denuncian ser vítimas de malos tratos en Galicia ou que no período comprendido entre xaneiro e abril deste ano case un milleiro de mulleres presentaron denuncias deste tipo na Comunidade Autónoma.

Do mesmo xeito, o PPdeG reclama que o proxecto de lei galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero se acompañE dun plan integral que fixe o desenvolvemento da norma e inclúa unha dotación económica suficiente para garantir a aplicación das medidas establecidas.

 

Para os populares, tamén resulta preciso que o lexislador se faga eco dos avances producidos no contexto internacional, estatal e autonómico en materia de loita contra a violencia de xénero nos últimos anos, cunha especial referencia  á posta en funcionamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e do Servizo Galego de Igualdade, creado con rango de lei no ano 1991.

 

López Abella valora o grao de consenso acadado ata o de agora no trámite de ponencia do proxecto de lei, que permitiu consensuar 26 das 39 emendas formuladas polo Grupo Popular.