Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR SE CONGRATULA DE QUE A XUNTA MUDE A SÚA POSTURA E ACEPTE AGORA REVISAR O SISTEMA DE PRÉSTAMO DE LIBROS DE TEXTO, COMO LLE VIÑA DEMANDANDO DENDE FAI DOUS ANOS

Santiago, 3 de xullo de 2007.- O Grupo Popular se congratula do anuncio feito polo Presidente da Xunta no que muda totalmente a súa postura ao respecto de revisar o sistema de préstamo de libros de texto, tal e como lle viña demandando a través de iniciativas parlamentarias presentadas nos últimos anos e que tiñan como fin primordial superar os graves trastornos que estaba a provocar o sistema nas economías domésticas, nas librerías e nas editoriais.

 

A voceira de Educación, Manuela López Besteiro, xa demandara en outubro do 2005, nunha moción presentada no Parlamento,  que se realizara un estudio cuantitativo e cualitativo que permitira coñecer con exactitude a situación das editoriais e das librarías e as súas perspectivas de futuro.

O Grupo Popular indicaba que a medida foi pesimamente xestionada por ser improvisada, ao non dialogar con ningún dos sectores afectados, e precipitada xa que a Xunta se preocupou exclusivamente do impacto popular da medida sen ter en conta as consecuencias que podería conlevar a súa aplicación.

 

ALTERNATIVAS
Como alternativa ao modelo de préstamo, o Grupo Popular propuxo sempre un sistema de cheque-libro ou de axudas directas aos pais, como fan outras Comunidades Autónomas. Para elo solicitou a presentación no Parlamento dun estudio de custos comparativo, e mentres este se desenvolvía que se convocaran axudas para a adquisición de libros de texto.

Para a voceira de Educación “ o Presidente da Xunta faise eco tamén desta petición que non atendeu nun primeiro momento o que resolvería moitas dificultades polas que están a pasar os distintos sectores involucrados”.

 

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS SEMPRE VOTARON EN CONTRA

Os socios do goberno bipartito na Xunta, socialistas e nacionalistas, sempre votaron en contra das iniciativas presentadas polo Grupo Popular “amosando sempre un absoluto desprezo a labor de control e oposición deste Grupo Parlamentario pero agora se dan conta de que as ideas poderían ser eficaces  e se comprometen a revisar o sistema pero, claro, sen contemplar que a idea partiu do partido da oposición” argumentou Manuela López Besteiro.

O Grupo Popular demandaba, por outra banda, a creación dunha Comisión de Seguimento Autonómico da que formara parte a Administración, os directores dos centros, editores, distribuidores e libreiros para analizar a evolución do sistema durante os próximos anos.

 

En concreto, esta Comisión tería o encargo de establecer cántos libros chegan en bo estado ao final dos catro anos de uso e cál é o nivel de satisfacción dos pais e profesores con este sistema, así como as dificultades que conlevaría a súa implantación para todos os sectores.
 

CAMPAÑAS PÚBLICAS PROMOCIÓN LECTURA
Ademais das medidas compensatorias o Grupo Popular demandaba  que se realizaran  campañas públicas de promoción da lectura, coordinadas con libreiros e con beneficios económicos para a adquisición de libros. En concreto solicitaba que se habilitara unha partida presupuestaria para a adquisición de fondos bibliográficos por parte das bibliotecas escolares e das bibliotecas municipais. Así mesmo, demandaba que se creara un programa novo con fondos públicos para a compra de libros polas familias de rendas baixas.