Partido Popular de Lugo

O PPdeG AMOSA A SÚA PREOCUPACIÓN PORQUE O BIPARTITO SE ESQUECE DE PRETO DO 25% DA POBOACION GALEGA NA LEI DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Santiago, 21 de xuño de 2007.- Entre as carencias do proxecto de lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, remitido recentemente pola Xunta ao Parlamento, os populares galegos consideran especialmente chamativo o esquecemento do que son obxecto ás vítimas da terceira idade e as persoas con discapacidade (no seu conxunto, suman preto do 25% da poboación) que tamén padecen esta lacra social e requiren dun tratamento específico. Esta é unha das conclusión expostas este mediodía pola voceira de Muller e Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, que explicou o contido das 39 emendas formuladas polo PPdeG a este proxecto lexislativo.

 

A xuízo da deputada, o texto remitido polo Executivo galego ao Parlamento acusa unha serie de eivas que agarda sexan corrixidas coas propostas efectuadas desde as filas populares. López Abella lamentou que o proxecto de lei non comprometa solucións eficaces ás/os afectadas/os pola violencia de xénero e cuestionou que se limite a enumerar unha extensa nómina de boas intencións coas que o Executivo estaría tratando de xustificar as súas competencias ante os sucesos incesantes deste tipo que se rexistran a cotío.

 

Nesta aspecto, López Abella estima preciso que a Xunta garanta, por lei, que transferirá aos concellos, pola súa condición de administración máis próxima aos cidadáns, os recursos económicos precisos para que a administración local poda prestar atención directa e de calidade ás vítimas da violencia de xénero.

 

Para os fillos que se vexan afectados por un cambio de residencia derivado de sucesos de violencia doméstica, o PPdeG reclama un mecanismo que faga efectiva a escolarización inmediata dos cativos nas inmediacións do seu novo domicilio. E pide,  tamén, axudas económicas, e a posibilidade de recibir apoio psicolóxico e escolar específico, para os menores que teñan padecido este tipo de violencia no seu entorno familiar.

 

TRIPLE VÍA DE ACCESO Á VIVENDA

No ámbito da vivenda, o Grupo Popular propón unha triple vía de acceso das vítimas, especialmente cando acusen situacións de precariedade económica, a un novo fogar: bolsa de vivenda en alugueiro, vivendas reservadas pola Xunta para ser postas a disposición das vítimas de xeito temporal, e preferencia de acceso ás vivendas de promoción pública en propiedade.
 

En materia económica, e máis aló do denominado “salario da liberdade”, no que a eficacia propagandística da medida para o Goberno bipartito supera o alcance real da iniciativa, o PPdeG propón a promulgación dun regulamento que fixe un procedemento abreviado para a concesión da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) a todas as vítimas que o precisen como consecuencia das súas dificultades económicas.
 

PERSOAS MAIORES E CON DISCAPACIDADE
Consideran os populares que os departamentos autonómicos con competencias na materia deberían fixar un procedemento que garanta o dereito das/os vítimas de violencia doméstica de idade avanzada á asignación preferente de prazas en residencias para persoas maiores, coa consideración de beneficiarios das axudas directas á entrada.

Nesta liña, López Abella tamén propón un protocolo semellante para atender ás persoas con discapacidade que sexan vítimas de violencia de xénero, con preferencia de acceso ás vivendas reservadas a este colectivo social, obtención de axudas públicas para a adaptación funcional do fogar e adxudicación de prazas públicas en centros residenciais e de día especializados.

Polo que respecta á xustiza, López Abella rexistrou unha emenda de adición na que insta á Xunta a axilizar os trámites encamiñados a facer efectiva a comarcalización dos xulgados especializados en violencia de xénero, na procura dunha atención inmediata ás vítimas.

 

AUMENTAR AS COMPETENCIAS DA POLICÍA AUTONÓMICA

Nunha disposición adicional, o PPdeG propón tamén que, a través da correspondente negociación entre a Xunta e o Goberno central, a Policía Autonómica asuma competencias plenas en materia de violencia de xénero para tratar de superar a insuficiencia dos medios destinados a estas tarefas polos corpos e forzas de seguridade do Estado na Comunidade Autónoma.
 

Datos recentes poñen de manifesto que, na actualidade, Galicia conta tan só con 39 axentes  da Policía Nacional e 25 da Garda Civil dedicados á loita contra a violencia de xénero e un único xulgado especializado en Vigo.
 

Para os populares galegos, todas estas medidas deben estruturarse a través dun plan integral contra a violencia de xénero, que asegure a participación de todos os departamentos implicados e defina os mecanismos de cooperación e fixe os protocolos a seguir en cada caso.