Partido Popular de Lugo

PESCA DEIXOU A MEDIO EXECUTAR A RECUPERACIÓN DA PRAIA DA TORRE, EN RIANXO, PARA EVITAR ADMITIR O ALCANCE DOS DANOS PROVOCADOS POLAS RIADAS DO OUTONO

Santiago, 19 de xuño de 2007- A Consellería de Pesca da Xunta ordenou a retirada da praia de A Torre, en Rianxo, de todos os operarios e a maquinaria que enviara a Demarcación de Costras do Estado para rexenerar esa zona, a pesar de que a metade do areal continuaba afectado polos depósitos de cinza e outro material procedentes do monte afectado polos incendios e arrastrado a esa zona polas enchentes rexistradas no outono de 2006. 

 

O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, denuncia a actitude da Consellería que dirixe Carmen Gallego, á que acusa de empecinarse nunha estratexia de negación da realidade, tratando de ocultar, por sistema, os danos provocados polas enchentes do pasado outono sobre os bancos marisqueiros. Esa actitude enmárcase na negativa da Xunta a solicitar de Bruxelas a activación do Fondo de Solidariedade da Unión Europea para facer fronte aos afectos dos incendios e as riadas

COSTAS DEVOLVEU OS CARTOS A INSTANCIAS DE PESCA

Balseiro Orol tivo coñecemento do sucedido despois de que representantes das mariscadoras de Rianxo se reuniran co responsable da Demarcación de Costas do Estado en Galicia para abordar a contaminación que aínda presenta a praia da Torre. O responsable de Costas admitiu que o seu departamento reintegrou ao Estado parte dos fondos habilitados para a limpeza a rexeneración do areal, logo de que a Consellería de Pesca ordenase a retirada dos medios técnicos e humanos mobilizados, por entender que o problema xa fora arranxado.
 

O deputado popular subliña que esta sucesión de acontecementos acredita que as declaracións e posicionamentos da Consellería de  Pesca carecen do máis mínimo rigor. E así se puido constatar en datas recentes, cando a conselleira afirmou no Parlamento que todos os mariscadores afectados polas riadas cobraran as indemnizacións pendentes e que a totalidade dos areais xa foran limpados e rexenerados.
 

“Semella que a conselleira prefire vivir no mundo idílico que ela mesma e o seu entorno queiran facernos ver onde os demais constatamos problemas que non se solucionan nin con declaracións nin con manobras de distracción, senón con traballo serio”, engade Balseiro Orol.