Partido Popular de Lugo

A XUNTA EFETÚA UN VERTIDO ILEGAL DE 4.000 TONELADAS DE RESIDUOS NUNHA FINCA DE SANXENXO

Santiago, 19 de xuño de 2007.- A Consellería de Medio Ambiente efectuou en datas recentes un vertido ilegal de arredor de 4.000 toneladas de biomasa forestal e outros produtos procedentes da limpeza de leitos fluviais nunha finca privada do concello pontevedrés de Sanxenxo, a pesar de que se trata dunha paraxe protexida polas ordenanzas municipais, que prohiben rigorosamente o depósito ou vertido de calquera tipo de material.

 

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, denuncia este feito e apunta que o material vertido (ramas, troncos, lama, etc) no Monte do Con, na parroquia de Padriñán, procede da limpeza de leitos fluviais efectuada pola Consellería de Medio Ambiente en diferentes concellos da comarca.
 

INFRACCIÓN GRAVE
Os residuos foron transportados ata ese lugar en arredor de 400 camións cargados ata os topes e, segundo fontes do Partido Popular, a intención de Medio Ambiente é agardar ata o próximo inverno para poder queimar todo o material amoreado. Técnicos da propia Consellería de Medio Ambiente autorizaron e supervisaron o emprazamento elixido para depositar o material, a pesar de que esa práctica constitúe, polo menos, unha grave infracción administrativa do ordenamento municipal e autonómico.
 

Paralelamente, a apertura dun camiño en solo rústico –o que se utilizou para depositar os residuos no vertedoiro- supón unha irregularidade urbanística, susceptible de ser sancionada pola Consellería de Política Territorial.

O PPdeG considera sorprendente que a Consellería de Medio Ambiente, que xestiona as competencias autonómicas encamiñadas a asegurar a xestión axeitada de todo tipo de residuos que se produzan en Galicia, se teña convertido en infractora da súa propia normativa, por cuio cumprimento debería velar en todo momento.      

 

PRAGAS E INCENDIOS
Advirten os populares galegos que o depósito dese elevado volume de biomasa constitúe un foco de infeccións e de pragas, pero tamén un depósito de combustible que encerra un elevado risco de incendios, que se ve agravado polo feito de que no seu entorno existen plantacións de pinos e eucaliptos, especies de elevada combustibilidade.

Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil o pasado 21 de maio.

O vertido indiscriminado efectuado en Sanxenxo será obxecto dunha batería de iniciativas parlamentarias do Grupo Popular para esixir explicacións sobre o sucedido á Consellería de Medio Ambiente.

BOICOT DA XUNTA AOS CONCELLOS GOBERNADOS POLO PPdeG

Jaime Castiñeira pregunta ata cando as consellerías do Goberno bipartito seguirán puenteando e boicoteando aos gobernos municipais elixidos democraticamente polos cidadáns. Nun ton irónico, pregunta tamén se, no caso de que se produza un incendio nese vertedoiro ilegal, a Consellería de Medio Rural culpará do sucedido á alcaldesa popular de Sanxenxo.