Partido Popular de Lugo

O PPdeG PREGUNTA NO PARLAMENTO SOBRE AS ACTUACIÓNS PREVISTAS NO PLAN DE MELLORA DAS CASAS DO MAR

Santiago, 15 de xuño de 2007.- A desconfianza que para o Partido Popular de Galicia provocou o anuncio efectuado pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en relación coa posta en marcha dun suposto Plan de Mellora das Casas do Mar foi trasladada a unha iniciativa parlamentaria do deputado e voceiro de  Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro Orol, na que pregunta polo tipo de obras que se levarán a cabo nos centros situados na Mariña lucense e no resto da Comunidade Autónoma.

Os populares afirman non ter constancia das obras comprometidas no dito Plan, tampouco coñecen os prazos de execución previstos e, o que valoran como máis importante, demandan saber cales son as partidas orzamentarias a cargo das cales o departamento autonómico que dirixe o nacionalista Anxo Quintana pretende efectuar as melloras. A ausencia de información respecto a este Plan leva ao PPdeG a poñer en dúbida a verdadeira intención do Executivo autonómico e a sospeitar que tras o anuncio de Vicepresidencia “non hai nada máis que boas palabras e boas intencións, que dificilmente van ter unha materialización en obras e melloras concretas”.
 

ESPAZOS ALTERNATIVOS
José Manuel Balseiro recorda que na Mariña existen Casas do Mar nos concellos de O Vicedo, Viveiro, San Cibrao (Cervo), Burela, Foz e Ribadeo, e que todas elas, albergan dependencias de moi diversa índole, como despachos de servizos sociais, centros de atención a maiores, oficinas municipais, bibliotecas, salas de xuntas e exposicións, así como oficinas doutros organismos, como do Instituto Social da Mariña, servizos de atención primaria ou de atención temperá.
 

Por esta razón, os populares preguntan á Vicepresidencia se nese suposto plan de mellora se inclúe a  previsión de habilitar espazos alternativos nos que poder continuar desenvolvendo esas actividades no caso que de as obras afecten ao funcionamento dese servizos. Por iso, consideran imprescindible que se habiliten áreas alternativas ás que trasladar a prestación de servizos que se poderían ver afectados polas obras.

En todo caso, a dúbida fundamental do PPdeG reside no contido e nas previsións concretas que existen dentro do que Balseiro considera un “ambiguo e incerto” Plan de Melloras das Casas do Mar.
 

Outra cuestión que terá que aclarar a Vicepresidencia da Igualdade serán as dúbidas que suscita a intervención nas Casa do Mar cuia titularidade corresponde ao Instituto Social da Mariña.