Partido Popular de Lugo

O PPdeG RECLAMA O REFORZAMENTO DOS PROGRAMAS AUTONÓMICOS DE PROTECCIÓN DOS MENORES EN SITUACIÓN DE RISCO OU DESAMPARO PARA REDUCIR A CRECENTE CONFLITIVIDADE

Santiago, 13 de xuño de 2007.- A Xunta de Galicia debe reforzar todos os programas de atención a menores en situación de risco ou desamparo para tratar de corrixir as  numerosas deficiencias que se veñen sucedendo nos últimos meses. Así o reclamou hoxe no Pleno do Parlamento a voceira de Igualdade e Infancia do Grupo Popular, Susana López Abella, ao defender unha proposición non de lei para reforzar a coordinación dos equipos e efectivos que participan na protección dos menores en situación de risco ou desamparo –incluídos os que son obxecto de medidas xudiciais- e previr e minimizar as situacións de risco ás que se podan ver sometidos todos os cativos e adolescentes con algún tipo de medida de protección ou tutela por parte da Administración autonómica.

 

Á vista das reiteradas situacións anómalas protagonizadas por menores de idade que deberían ser obxecto de algún tipo de tutela ou protección da Xunta, Susana López Abella considera que “algo está fallando estrepitosamente” nos departamentos autonómicos con competencias en materia de atención á infancia e á adolescencia.

 

Por iso, a deputada autonómica insistiu na necesidade de efectuar un replantexamento das políticas públicas de carácter autonómico no ámbito da protección de menores e destaca a importancia de incrementar os esforzos no ámbito da prevención e a detección das situacións de risco ás que se poda ver sometido calquera cativo ou adolescente.

 

A preocupación do PPdeG polas eivas que presenta o sistema de protección e tutela de menores incrementouse como consecuencia da acumulación de incidentes que se están a rexistrar en Galicia, neste ámbito, ao longo do último ano. Segundo un reconto efectuado polos populares as anomalías rexistradas no eido da protección e tutela de menores supera amplamente unha ducia de episodios.

 

Esa longa nómina de episodios inclúe situacións de desprotección pero tamén, unha inmensa maioría de casos de fugas de centros de menores. En ocasións, eses menores acabaron sendo detidos polas forzas de seguridade despois de cometer actos delictivos.

 

A FISCALÍA DE MENORES TAMÉN CRITICA Á XUNTA

 

Susana López Abella recordou ademais que, recentemente, a Fiscalía de Ourense demandou que a Xunta se implique na protección legal dos menores conflitivos no ámbito familiar e que acusou á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de amparar unha situación de “desprotección legal” por non actuar con dilixencia ante este tipo de casos.

 

O último episodio desta longa nómina de anomalías rexistrouse en datas recentes no centro de acollida de menores de Crendes, no concello coruñés de Abegondo. Alí, tres menores -de 14, 15 e 16 anos de idade- fugáronse o 21 de maio e foron detidos por axentes da Policía Nacional tres días despois nunha praza coruñesa, logo de matar 41 coellos e maltratar a 5 cabalos nunha granxa escola situada nas inmediacións do centro do que fuxiran.