Partido Popular de Lugo

OS POPULARES GALEGOS RECLAMAN Á XUNTA O DESDOBRAMENTO DAS UNIDADES DE EDUCACIÓN INFANTIL PARA QUE TEÑAN UN MÁXIMO DE 15 CATIVOS POR CLASE

Santiago, 12 de xuño de 2007.- O PPdeG acusou hoxe á Consellería de Educación de acometer o desenvolvemento normativo da LOE (Lei de Ordenación da Educación, de ámbito estatal) con “retraso e improvisación”, relegando esta tarefa a un segundo plano, mentres fai seguidismo da proposta de “moral á carta” do Ministerio de Educación, elaborada ao ditado da sede central do PSOE, na rúa madrileña de Ferraz, desde onde se confeccionou o contido da cuestionada asignatura de educación para a cidadanía.

 

Ao responder a unha comparecencia da conselleira de Educación, a voceira desta área doo Grupo Popular, Manuela López Besteiro, reclamou a Laura Sánchez Piñón que aclare se os profesores galegos van utilizar nas súas clases o libro Alí Babá y los 40 maricones, recomendado na Guía de Recursos para o persoal docente que imparta educación para a cidadanía. A voceira de Educación dos populares desvelou que o sindicato UGT chegou a demandar a supresión do 100% das clases desta asignatura.

 

RETRASO NO CURRÍCULO DA ESO

Fronte á premura que caracteriza os preparativos para a impartición de educación para a cidadanía, López Besteiro tamén explicou que a Xunta aínda non foi capaz de promulgar o decreto de contidos da ESO, a pesar de que chegou a valorar ata tres propostas diferentes. Neste contexto, López Besteiro acusou á conselleira de “estar tirando os cartos” por non actualizar os contidos curriculares, xa que a Consellería mercou este ano miles de libros dos que se terá que desfacer no vindeiro mes de setembro, logo de actualizarse o contido das materias.

 

Tamén na órbita económica, a deputada popular desvelou que a Consellería de Educación está a efectuar un reparto irregular dos fondos que recibe do Goberno central para loitar contra o fracaso escolar. Para calcular a cifra que lle corresponde á Comunidade Autónoma, o Ministerio de Educación toma en consideración o número total de alumnos que cursan estudos en centros públicos e concertados, pero a Xunta exclúe a estes últimos á hora de efectuar o reparto.

 

No capítulo de propostas, a voceira de Educación dos populares reclamou á Xunta que acometa no próximo curso o compromiso electoral do PSOE de desdobrar as unidades de Educación infantil co obxectivo de que cada aula acolla a un máximo de 15 cativos, en lugar dos 25 da actualidade. A pesar de que a proposta xa fora anunciada pola conselleira a escasas datas de tomar posesión, nos dous anos transcorridos desde o cambio de Goberno, Educación non foi quen de materializar o desdobramento e, de feito, nin sequera dispón de espazos suficientes para materializar esa medida.

PECHE DE ESCOLAS UNITARIAS

No apartado de idiomas, Manuela López Besteiro denunciou que a Xunta está a acometer o potenciación das linguas estranxeiras a través de medidas inconexas, en lugar de facelo mediante un modelo como o ofrecido polo PPdeG a través da proposición de lei de creación de centros trilingües, rexeitada recentemente no Parlamento de Galicia cos votos en contra de PSOE e BNG.

Aclarou, nesta liña, que a implantación de inglés no ensino infantil e primario se está a facer a costa de pechar escolas unitarias, como veñen denunciando nos últimos tempos diferentes axentes da comunidade educativa. Pola contra, a Xunta non dispón de previsión algunha para crear calquera tipo de rede de centros de ensino trilingüe.