Partido Popular de Lugo

MEDIO AMBIENTE PARALIZOU A EXECUCIÓN DAS DEPURADORAS QUE ÍAN PERMITIR A GALICIA CUMPRIR A DIRECTIVA EUROPEA SOBRE DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS

Santiago, 12 de xuño de 2007.- O actual conselleiro de Medio Ambiente paralizou, nada máis facerse cargo do departamento, os trámites que deixara ultimados o anterior Goberno do PPdeG para que Galicia puidera cumprir as esixencia recollidas na directiva europea sobre depuración de augas residuais, que esixe tratar os vertidos de todos os núcleos de máis de 2.000 habitantes.

Jaime Castiñeira, voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, denunciou hoxe no Pleno do Parlamento, que Galicia acumula dous anos de retraso nesta materia por mor da parálise ordenada polo actual conselleiro, Manuel Vázquez.

Como consecuencia da paralización imposta por Manuel Vázquez logo de facerse cargo da Consellería de Medio Ambiente, Jaime Castiñeira revelou que cada día se verte ás rías galegas un volume total de 385 millóns de litros de augas contaminadas, unha deficiencia que estaría a piques de ser corrixida na actualidade se o bipartito mantivese a tramitación iniciada polo anterior Executivo.

De feito, Castiñeira Broz, sinalou que coa sucesión de anuncios, balances e informes de situación divulgados con insistencia nestes dous últimos anos polo conselleiro Manuel Vázquez, este se limita a facer públicos os documentos que deixou no seu poder o anterior Goberno do PPdeG.

“Na práctica, o balanzo a afectos de depuración de augas residuais é o mesmo ca se a Consellería estivese pechada durante os dous últimos anos, porque non fixeron nada, todo estivo paralizado”, apuntou o deputado popular.

VINTE NOVAS DEPURADORAS/ANO

O voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular recordou, ao responder a unha comparecencia parlamentaria de Manuel Vázquez, que o traballo do anterior  Executivo do PPdeG permitiu que Galicia pasara de contar con só 12 depuradoras a dispoñer de 190 instalacións deste tipo cando se produciu o cambio de Goberno. Un investimento global de máis de 800 millóns de euros permitiu poñer en servizo unha media de 20 novas depuradoras anuais nos últimos exercicios.

CERO DEPURADORAS NOVAS

Fronte ao esforzo que ía permitir que a 31 de decembro de 2005 puideran estar licitadas depuradoras que prestasen servizo á totalidade das poboacións de máis de 2.000 habitantes –anulado polo bipartito nada máis tomar posesión-, Jaime Castiñeira preguntou a Manuel Vázquez cantas obras desde tipo, non programadas polo seu antecesor, licitou desde que é conselleiro. “A resposta é cero”, enfatizou o deputado do PPdeG.

Jaime Castiñeira tamén reprochou ao conselleiro de Medio Ambiente que non teña sido capaz de xestionar a declaración de interese xeral para unha soa das depuradoras de grandes cidades, como a de Vigo, mentres trata de distraer a atención con polémicas artificiais para ocultar a súa incapacidade e a do seu equipo directivo.