Partido Popular de Lugo

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS OPÓÑENSE A INICIAR OS TRÁMITES PARA CONVERTER O CASTELO DE PAMBRE EN PARADOR DE TURISMO

Santiago, 7 de xuño de 2007.- Os votos en contra dos deputados socialistas e nacionalistas na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento impediron sacar adiante unha proposición non de lei na que o Grupo Popular propoñía que a Xunta inicie as xestión encamiñadas a mercar o Castelo de Pambre (Palas de Rei) para restauralo e convertelo, finalmente, nun Parador Nacional de Turismo.

A proposta, defendida esta tarde pola deputada popular Susana López Abella, pretendía converter a ese monumento nun motor de desenvolvemento económico e turístico da comarca da Ulloa, seguindo o exemplo doutros conxuntos recuperados coa mesma finalidade, como o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín (Ourense) ou o conxunto monumental de San Vicente do Pino (Monforte de Lemos, Lugo), rehabilitados  e integrados na rede de Paradores de Turismo de España con notable aceptación por parte do público.

 

O feito de que socialistas e nacionalistas se opuxeran a esta proposta foi criticado con dureza por López Abella, quen cuestionou que os socios do bipartito non teñan tardado máis ca un a semana en comezar a desmentir promesas electorais comprometidas durante a  pasada campaña.

ANIMADVERSIÓN TOURIÑO-PEPE BLANCO

“Episodios como o desta tarde poñen de manifesto que socialistas e nacionalistas non valoran, sequera, as propostas comprometidas polo secretario xeral do PSOE, Pepe Blanco para a súa terra natal”, afirmou López Abella. De feito, a deputada popular convidou aos deputados socialistas a que aclaren se a negativa a rehabilitar o Castelo de Pambre, situado en Palas de Rei, concello natal de Pepe Blanco, garda algunha relación coa animadversión que se profesan, mutuamente, o presidente da Xunta e mailo secretario de organización do PSOE.

Construído a finais do século XIV, o Castelo de Pambre pertence actualmente a un particular, polo que só é visitable desde o exterior. Razoablemente conservado, o Castelo de Pambre é a mellor mostra da arquitectura militar medieval de Galicia e unha das poucas construcións que se mantiveron en pé despois da revolución irmandiña, salientou López Abella.

O feito de que o Castelo estea emprazado nun concello do Camiño de Santiago constitúe, en opinión dos populares galegos, un elemento adicional que aconsella a súa rehabilitación e posta en valor como elemento dinamizador do potencial turístico da comarca da Ulloa.