Partido Popular de Lugo

ELENA CANDIA AGRADECE A MANUEL FRAGA O SEU TRABALLO POR MONDOÑEDO E PROMETE TRABALLAR COMO LUIS REGO POLA CIDADE

Barreiro pediu o voto para Elena Candia en Mondoñedo

Barreiro pediu o voto para Elena Candia en Mondoñedo

Mércores, 23 de maio de 2007.- O presidente fundador do Partido Popular, Manuel Fraga Iribarne, e mailo presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, asistiron hoxe en Mondoñedo ao xantar mitin en apoio á candidata popular, Elena Candia, nun ateigado Pabellón Municipal de Deportes no que se deron cita preto de 500 simpatizantes.

O primeiro en dirixirse aos mindonienses foi o alcalde Luis Rego, quen centrou a súa intervención en agradecer a Manuel Fraga o traballo que dende a Xunta de Galicia fixo durante moitos anos en favor de Mondoñedo e grazas ao cal a cidade disfruta hoxe de instalacións e infraestructuras coma o auditorio, a piscina climatizada, as vivendas sociais ou o polígono industrial, onde se instalarán próximamente empresas de producción enerxética. “É de ben nacidos ser agradecidos -dixo Rego- e nós queremos rendir hoxe o noso tributo a Don Manuel Fraga pola súa vocación e traballo por Mondoñedo”, afirmou Rego.

Asi mesmo, Rego se referiu á candidatura encabezada por Elena Candia como “xente nova e preparada que coñece ben Mondoñedo e as súas necesidades” e pediu aos mindonienses un esforzo para encher as urnas de votos populares o vindeiro día 27.

Manuel Fraga achegouse a Mondoñedo para participar no xantar en apoio á Elena Candia

Manuel Fraga achegouse a Mondoñedo para participar no xantar en apoio á Elena Candia

A continuación tomou a palabra Manuel Fraga quen comezou facendo unha ampla referencia á importancia de Mondoñedo na cultura galega, centrada singularmente na figura do escritor e xornalista Álvaro Cunqueiro, e tamén na do compositor Pascual Veiga. A continuación, Fraga criticou ao goberno bipartito da Xunta de Galicia e a súa forma de actuar descoordinadamente “que chega ao punto de que uns non asisten aos actos que organizan os outros”, dixo Fraga. Dita descoordinación tivo, según Fraga, a súa peor consecuencia para os galegos a xestión dos incendios do pasado verán.

Fraga, quen tivo palabras de eloxio para a candidata local pola súa xuventude e tesón por Mondoñedo, afirmou que estes comicios marcarán un antes e un despois, xa que constitúen unha oportunidade para que os galegos lle amosen ao goberno do Estado a súa disconformidade coa política que está a aplicar a nivel nacional en xeral e de forma singular con Galicia ao frear a aplicación do Plan Galicia.

Pola súa banda, Elena Candia dixo que non era casual a presenza de Manuel Fraga en Mondoñedo, pois “como muller nova e principiante en política, Don Manuel é para min e para todos nós un referente pola súa capacidade de xestión, traballo e entrega. Manuel Fraga é para nós un claro exemplo do que debe facerse en política”, afirmou Candia quen lembrou asimesmo o importante labor de Fraga por Mondoñedo. Candia rematou afirmando que “o PP en Mondoñedo é a mellor opción porque tivo un magnífico alcalde con Luis Rego e porque o noso equipo seguirá traballando co mesmo entusiasmo que el por Mondoñedo”.

En último lugar falou o presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, quen se incorporou ao mitin tras chegar dun acto en Guntín. Barreiro centrou a súa intervención na falta de credibilidade do PSOE para gobernar a Deputación Provincial por carecer dun programa para gobernala, “saben moi ben que non van gañar na Deputación e por iso teñen oculto ao seu candidato”, dixo Barreiro.

PRENSA
PARTIDO POPULAR