Partido Popular de Lugo

¿Ate onde é necesaria a modernización da Deputación de Lugo?

Modernizar, progresar, avanzar ou revitalizar son verbos que os políticos conxugamos nestes días de campaña para tratar de ofrecer unha visión positiva e dinámica dos nosos proxectos políticos. Son palabras ambiguas, ás que ninguén se opón e que serven para todos os partidos. Precisamente por isto deberíamos usalas menos e precisar máis en que se han concretar tan progresistas actuacións.

Se por modernizar ou progresar entendemos que se usen medios telemáticos para achegar a administración ao cidadán ou se empreguen materiais ou máquinas de última xeración para a construcción de vías e obras, por suposto, estou de acordo con modernizar, progresar e avanzar. Cambia a cousa se por modernizar se entende mudar a natureza da institución ou redibuxala de tal forma que despois do cambio non se recoñeza.

Un é por natureza conservador e non gosta do cambio polo cambio, como adoitan anhelar moitos chamados progresistas, senón que valoro o capital de experiencia e coñecemento, que o vello Hayek chamaría tácito, que adoitan acumular as institucións co paso dos anos. O cambio, cando se entende que é necesario facelo, ten que realizarse partindo desta experiencia acumulada, non pretendendo partir de cero, pois podería perderse no camiño a esencia da propia institución e converterse nunha táctica por parte de determinados poderes políticos para primeiro desnaturalizar e logo facer desaparecer a institución.

Nun abominable libro (polas nefastas consecuencias que tivo para a nosa civilización) chamado Reflexiones sobre la violencia, o inclasificable George Sorel di, facendo boa a máxima de Marco Aurelio de que aínda no peor dos libros pode atoparse un pouco de sabiduría, unha grande verdade: que a Igrexa Católica pervive non porque cambie e se adapte aos tempos, senón polo contrario, isto é, porque non cambia, funcionando como unha organización que serve de referencia e asideiro moral en tempos de mudanza e tribulación.

Este introito ven a conto das propostas de reforma das Deputacións que está a presentar o Ministro de Administracións públicas, Jordi Sevilla, nas que aboga por un recorte sustancial de competencias das mesmas para, supostamente, polas ao servizo dos concellos. Isto non deixa de ser una excusa para primeiro mudar as funcións esenciais das Deputacións, apelando ao progreso e a modernización, e a continuación esvaelas e deixalas como cascas valeiras das que logo sería máis fácil prescindir. A sentencia de Sorel podería ser tamén aplicada aos entes provinciais, gardando, claro está, as distancias, pois levan cumprindo coa súa función baixo todo tipo de reximes políticos, liberais e conservadores, repúblicas e monarquías, e sobrevivindo ás distintas guerras que temos sufrido no noso país. Nunhas e noutras circunstancias, sempre cumpriron coa súa función de servizo ao poder local adaptándose a él e mantendo case inalteradas a súa razón de ser, que consiste precisamente na adaptación aos distintos requerimentos locais. As deputacións forneceron de hospitais e asilos aos concellos cando estos os necesitaban e ao deixar de facelo, como é agora o caso, están sendo transferidos. Neste momento en que os concellos precisan de infraestruturas industriais, urbanas ou de comunicación, de equipamentos de ocio ou de asesoramento en temas europeos e internacionais as Deputacións prestan estes novos servizos. Nista adaptación aos tempos debe consistir a súa modernización.

O que non poden facer as Deputacións é, como se pretende dende o Goberno central, asumir funcións para as que non están concebidas ou entrar en concorrencia con outras administracións. Isto sería o comezo do seu fin. As Deputacións, a pesar de moitas tentativas deseñadas polos distintos Gobernos para valeiralas de contido, todas elas fallidas, como comarcas ou mancomunidades, seguen a persistir porque os pequenos concellos segan a necesitalas, con este ou con outro nome. Por elo, os gobernantes cataláns, que quixeron prescindir das Deputacións no seu estatuto, só acertaron a sustituilas por provincias con outro nome, as veguerías. Farían ben os que pretenden rematar con elas en ollar para o modelo vasco e as súas exitosas deputacións forais, antes de pretender facer xogos de alquimia institucional. E, de querer cambiar o modelo, orientalo nesa dirección e non na dirección dun maior centralismo.

Os administrativistas españois adoitan falar da venganza das provincias, isto é, de que as tentativas históricas de recortar os poderes provinciais sempre supuxeron o reforzamento das mesmas e unha mayor percepción da súa necesidade. A provincia foi, xa dende o Antigo Réxime, a división administrativa propia de Galicia e non debemos renunciar a ela polo capricho duns gobernantes con arelas de deseñar o mundo de novo, xogando a aprendices de bruxos. Agardemos pois que, unha vez máis, a modernización pretendida das Deputacións resulte nunha revalorización de tan útiles e experimentadas administracións de proximidade.