José Manuel Barreiro pediu o apoio para Barcia en Burela polo traballo feito |
Martes, 22 de maio de 2007.- O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, e mailo portavoz de asuntos europeos no Parlamento de Galicia, Enrique López Veiga, arrouparon onte a José María González Barcia nun mitin electoral que o PP celebrou na Casa da Cultura e ao que asistiron preto de 400 bureleses.
O acto foi presentado polo deputado autonómico José Manuel Balseiro, quen criticou ao bipartito da Xunta pola perda de servizos na costa. Tamén interviu o deputado autonómico Enrique López Veiga quen reclamou unha escola de estudios marítimos pesqueiros para Burela na que se imprata a titulación de acuicultura.
A continuación, interviu o presidente provincial José Manuel Barreiro quen dixo explicou que o labor feito por Barcia nestes anos en Burela é un exemplo para todos os partidos. “Burela é hoxe un concello que pode estar orgulloso co seu alcalde e coa xestión que fixo o PP nestes anos, porque adicouse a traballar pola xente e a resolver os problemas do municipio”,afirmou o presidente provincial do PP de Lugo.
Barreiro contrapuxo esta visión da política coa que ofrecen outros partidos “que só aspiran a que non goberne o Partido Popular”. Para Barreiro, “traballar polos veciños implica aportar proxectos e ideas, sumar e non restar, e iso só o fai o Partido Popular”.
O candidato á presidir a Deputación de Lugo pediu aos veciños que renovasen o seu apoio a Chema González Barcia para os vindeiros catro anos e solicitou apoio para o proxecto que encabeza para a Deputación de Lugo, “o único creíble –dixo Barreiro- pois somos o único partido que ten un programa para toda a provincia”.
Pola súa banda, o candidato popular e actual rexedor de Burela, José María González Barcia, centrou a súa intervención nas obras e realizacións feitas polo PP en Burela nos dous últimos anos, “o traballo feito está ahí e as obras fixéronse buscando o maior consenso posible cos veciños”, afirmou Barcia para quen o PP é un partido próximo á xente “xa nos coñecedes somos xente honrada e traballadora que traballa polos cidadáns”, dixo Barcia
A xuizo do candidato popular, Burela ten que deseñar nos vindeiros anos o seu futuro e o PP ten un proxecto claro e definido. “Queremos deseñar a Burela do futuro en base a tres conceptos, unha vila máis humana con máis espazos para a convivencia, colaborar na xeración de riqueza e emprego, e seguir coa liña de diálogo e contacto coa xente”. Barcia salientou que en Burela non se respira crispación política porque dende o concello non se entende a política como unha forma de enfrontamento senón de colaboración coas demais institucións.
Barcia explicou que o PP traballa con feitos e non se adica a vender fume “nós ofrecemos solucións aos veciños e non nos adicamos a ir dando palmaditas no lombo”, e dixo que ninguén mellor que o PP sabe defender os intereses de Burela.
PRENSA
PARTIDO POPULAR