Partido Popular de Lugo

ARMANDO CASTOSA DÍ QUE A OPOSICIÓN PROMETE PARA COSPEITO OBRAS QUE XA ESTÁN FEITAS

Barreiro acompañou a Armando Castosa en dous mítines nas casas da cultura de Muimenta e Feira do Monte

Barreiro acompañou a Armando Castosa en dous mítines nas casas da cultura de Muimenta e Feira do Monte

 

Luns, 21 de maio de 2007.- O presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, e o deputado autonómico Agustín Baamonde, arrouparon onte ao candidato popular á alcaldía de Cospeito, Armando Castosa, en dous mítines que tiveron lugar nas dúas principais parroquias do concello, Muimenta e Feira do Monte.

O candidato local, acompañado por toda a súa candidatura, foi presentado polo deputado autonómico Agustín Baamonde, quen, advertiu aos veciños do que pasará se o PP non acada a maioría absoluta no concello. “Os outros vanse xuntar para trasladar a Cospeito o mesmo desgoberno que hai actualmente na Xunta de Galicia, dous gobernos distintos onde cada un vai polo seu lado, e logo repartiranse Muimenta para un e Feira do Monte para outro”, explicou Baamonde.

O deputado autonómico animou aos veciños a votar a Castosa porque “Cospeito ten un gran alcalde que leva gobernando xa hai tempo pero que é un home novo, con ilusión e que leva a xente nova na súa lista que non necesita a política para vivir porque veñen a servir ao seu pobo”, salientou. A candidatura do PP é a do traballo e a honestidade, concluiu Baamonde.

Pola súa banda, José Manuel Barreiro explicou as distintas razóns para estar en política, “á política hai que vir a traballar polos demais e non a a resolver cuestións personais, esa é xente na que non se pode confiar”, explicou. Segundo o presidente provincial, algúns partidos conciben a política de forma negativa “que non goberne o PP” e afirmou que dende esa actitude non se pode construir nada bó para a sociedade.

Barreiro explicou que o PP é un partido de ideas, cun proxecto político para Cospeito que non é incompatible co proxecto que ten para Galicia e para o resto de España porque “o PP non dí unha cousa nun sitio e a contraria noutro”. Nese senso, Barreiro afirmou que o PP non quere enfrontar a Galicia co resto de España “porque dende Galicia pódese construir España e dende España constrúese Galicia”.

O candidato á presidencia da Deputación pediu tamén apoio aos veciños para o seu proxecto ao fronte da institución provincial, proxecto que recolle o programa presentado a pasada semana polo Partido Popular. Barreiro explicou que só o proxecto do PP ten credibilidade ao ser o único partido que elaborou un programa para esta institución e que designou candidato mentres que os demais partidos falan de que non queren as deputacións porque carecen dun proxecto definido e polo tanto non son opcións creíbles para gobernalas.

En clave nacional, Barreiro dixo que as vindeiras eleccións, ademais de elexir aos representantes directos dos cidadáns nos concellos e na Deputación eran unha boa oportunidade para decirlle ao goberno do Estado que os galegos non estamos de acordo co rumbo político que está dando ao país “porque non é normal que estea na rúa o que mata a vintecinco persoas”.

Referiuse tamén ao traballo feito en Cospeito durante os mandatos de Armando Castosa e pediu aos veciños que comparasen ese labor co que ofrecen os demais. “Armando Castosa rinde contas e ofrece realidades, e iso é o que lle da credibilidade a un político”, afirmou Barreiro quen dixo que as eleccións non as gañan ou as perden os partidos senón a propia sociedade, por iso pediu aso veciños que se decidan a gañar as eleccións votando a candidatura encabezada por Castosa.

Pola súa banda, o candidato popular de Cospeito comezou a súa intervención amosando a súa sorpresa pola que calificou “sucia campaña da oposición”, en referencia a uns panfletos que outras forzas políticas repartiron polo concello. Castosa afirmou que “os que usan eses métodos descalifícanse a si mesmos” e anunciou que o PP non ía entrar no xogo do insulto senón que ía continuar coa liña da seriedade e da responsabilidade.

Armando Castosa respondeu entre risas á afirmación do PSOE de que o PP lle copiara aos socialistas o seu programa. “Son eles os que inclúen no seu programa obras que fixemos nós e que se non están inauguradas aínda é porque non queremos parecer electoralistas”. Castosa enumerou algunhas das obras que os socialistas prometen e explicou aos veciños a situación na que se atopan actualmente.

É o caso do polígono industrial, que o PSOE promete pero do que o PP xa ten avanzado o plan de sectorización, ou o punto limpo que deixara comprometido para o concello José Manuel Barreiro cando foi conselleiro de Medio Ambiente. Tamén se referiu a outras propostas do PSOE como a do polideportivo ou a mellora do centro de Saúde de Munimenta nas que xa leva tempo traballando o Partido Popular.

Así mesmo ridiculizou a proposta socialista de facer a conexión coa Transcantábrica “¿e quén é o concello e qué competencias ten para para facer esa obra?” preguntouse Castosa.

Na súa intervención Castosa referiuse ao PSOE como un partido sen ideas nen propostas para Cospeito que utiliza a falsedade como arma para atacar ao goberno do PP, “mesmo chegaron a dicir que lles quixemos comprar un concelleiro”, comentou entre risas o candidato quen puxo a súa candidatura como exemplo de capacidade, honestidade e ilusión polo seu municipio.

Castosa rematou afirmando que “nunca crin que se puxera en cuestión a nosa honradez porque en Cospeito coñecémonos todos, pero aquí nos tedes, somos xente traballadora e honesta que está disposta a traballar por Cospeito”.

PRENSA
PARTIDO POPULAR