La Voz de Galicia (Lugo – Miguel Cabana) José Manuel Barreiro é optimista e en ningún caso contempla que o PP deixe de gobernar a Deputación. O partido adiantouse a presentalo a el como candidato a presidir o organismo provincial, e tratar de dar unha imaxe de renovación retirando a Cacharro das previsións canto antes.
-¿Está conforme co papel de Cacharro nesta campaña ou cre que está apoiando a outros partidos?
-Susana López Abella xa dixo o que sabía dese asunto, (que Cacharro está apoiando a algúns independentes), pero eu estou traballando para o futuro, non para o pasado. O partido vai seguir sendo a forza máis votada na provincia e gobernará a Deputación. E Cacharro supoño que terá que traballar para o partido como os demais traballaron para el durante moitos anos, nos que foi presidente da Deputación e senador. Houbérame gustado que tivera unha participación máis activa nestas eleccións, pero aínda está a tempo de facelo.
-Fáganos a súa quiniela.
-Creo que manteremos os 15 deputados que temos agora dentro da corporación de 25. Non cambiará.
-¿Cal vai ser o papel das deputacións no futuro?
-Igual que no pasado asumiron necesidades sociais que ninguén cubría, como os hospitais, hoxe son imprescindibles para os concellos rurais, en asuntos como medio ambiente, industria ou urbanismo. E non hai que esquecer a vertebración do territorio porque a Deputación de Lugo, por exemplo, ten que manter unha rede viaria de 4.000 quilómetros de estradas. Ou o apoio tamén imprescindible en Lugo á universidade, que ten un campus punteiro no sector agroforestal. É dicir, teñen que ir adaptándose ás novas necesidades e sendo un concello de concellos: un elemento de apoio entre as administracións máis grandes e as pequenas, sobre todo tendo en conta a estrutura que hai aquí en Galicia. As modificacións deberíanse facer dentro do pacto local: transferencias de deputacións aos concellos ou da Xunta ás deputacións. Por exemplo, a de Lugo ten un servizo de teleasistencia cunha demanda asombrosa; e está a facer polígonos en moitos concellos, porque coa actual lei do solo, xa non se pode facer unha nave en calquera sitio como antes, e os concellos non teñen medios para crear unha superficie industrial.
-Polo que se ve, é partidario de transferir centros sanitarios como o psiquiátrico. ¿É tamén partidario de pagar o canon dos embalses aos concellos do sur da provincia.
-Si. Agora non ten sentido manter os servizos sanitarios, porque xa o fai outra administración. E en canto ao canon, creo que simplemente hai que cumprir a sentenza e pagar. Confío que estea resolto antes de que tomemos posesión, pero senón, simplemente cumpriremos a sentenza.
-Poucas necesidades vai ter en asuntos de persoal se preside a Deputación, porque xa lle están deixando a plantilla ben consolidada.
-Ata onde coñezo é unha oferta de emprego amparada na lei, e tamén está entrando xente da rúa. Hai que respectar a lei, e non facer como o deputado socialista Claudio Garrido, que en días pasados dicía que a concelleira de Sarria Sabela Caldas se presentaba a estas oposicións, e que era un pago que nós lle faciamos. Claro, quen así fala dunha persoa que ten todo o dereito a presentarse a unha oposición xa queda desautorizado politicamente e navega entre a demagoxia e a infamia. Parece que esa opositora non aprobou, e agora ¿quen sabe se esas desafortunadas declaracións influíron no tribunal?
-¿Quen será o socialista que aspire a presidir a Deputación?
-Orozco, porque substitúe na TVG a Touriño, e ten vallas publicitarias en Celeiro, Chantada ou Láncara. Para min está claro.