Partido Popular de Lugo

O CANDIDATO DO PP DE PEDRAFITA CRITICA A FORMA DE EXECUCIÓN DALGUNHAS OBRAS NO CONCELLO

Xoves, 3 de maio de 2007. O candidato do Partido Popular á alcaldía de Pedrafita criticou hoxe a forma na que varias administracións están a executar obras en varias rúas do concello. Concretamente, González referiuse ás farolas e sinais que o Ministerio de Fomento colocou na travesía e que ademais de obstaculizar a circulación dos peóns, “impiden totalmente o paso de carros de nenos e cadeiras de rodas, cando hai espazo dabondo para situalos no muro lateral onde non se obstaculiza o paso da xente”, explicou González. Neste senso o candidato popular pregúntase “¿de qué serve que deixen rampas nas beirarrúas para as persoas con discapacidade se logo non poden circular por elas?”.

Por outra banda, denuncia tamén que na Via Romana, recentemente asfaltada pola Consellería de Medio Rural, “non se fixo unha nivelación do rasante como debía e a auga da choiva non vai para os sumidoiros senón que se mete nos portais das casas”.

O candidato popular que presenta a súa candidatura este venres, comentou que cando se lle informa destas cousas ao alcalde, o socialista José Luis Raposo, desenténdese do asunto afirmando que as obras non son responsabilidade súa “pero si a forma na que se executan as obras é deficiente e perxudica aos veciños, o alcalde debe ser o primeiro que proteste e que esixa a reparación do que se fixo mal”, comentou González.

Do mesmo xeito, os populares de Pedrafita consideran de dubidoso gusto a ubicación elexida para situar a marquesina da parada do autobús, “que rompe totalmente a estética da praza do Concello ademais de reducir o número de plazas de aparcamento”, afirmou Jesús González. O candidato faise eco das críticas que dita obra está suscitando entre os veciños e solicita ao concello que dea a coñecer o proxecto da mesma.

O aspirante popular á alcaldía critica a forma de actuar de José Luis Raposo coas obras, “a este alcalde o único que lle preocupa é que en época electoral se vexa algunha obra aínda que sexa de calquera maneira”. González afirma que el é partidario de que se fagan obras e se melloren as rúas no concello pero “con sentidiño” e non só no períodos electorais senón durante todo o mandato.

 

PRENSA
PARTIDO POPULAR