Ao redor de 500 palenses ateigaron a Casa da Cultura para arroupar a candaditura de Fernando Pensado |
Luns, 30 de abril de 2007.- O presidente e mailo vicepresidente do PP de G, Alberto Núñez Feijoo e José Manuel Barreiro acompañaron onte pola noite a Fernando Pensado Barreira no acto de presentación da súa candidatura en Palas de Rei. O acto deu comezo coa proxección dun vídeo no que se explicaron os logros e realizacións feitas no concello durante o presente mandato de Fernando Pensado.
A continuación interviu o presidente provincial do PP de Lugo quen dixo sentirse moi orgulloso de estar en Palas para apoiar “ao mellor político que deu xamais este concello”. Barreiro salientou o feito de que no vídeo víranse “obras e proxectos que xa son realidade, e non palabras e promesas como veñen facendo outros”, algo que a xuizo de Barreiro define o proxecto político do Partido Popular. “Hai a quen lle gusta vender fume, pero diso non se come, os pobos necesitan obras, infraestructuras e xerar riqueza, e iso en Palas ten un nome, Fernando Pensado e o Partido Popular”, explicou o presidente provincial.
José Manuel Barreiro referiuse á forma de entender a política polo Partido Popular como unha forma de traballar polos demais para facer que as persoas progresen e vivan mellor. “Non buscamos confrontacións e non imos contra ninguén, -explicou- pero tampouco temos medo, e se nos atacan imos contestar” dixo o presidente provincial, quen afirmou que os únicos que estiveron na cadea por corrupción política en España foron membros do Partido Socialista e engadiu que “en España só se fala de corrupción cando o PSOE está no poder”.
Referiuse tamén ao clima de crispación que os socialistas atribúen ao PP, explicando “que o PP non está crispado, pero o país indígnase cando ve o que está facendo este goberno con Galicia e con España”, e pediu aos palenses que contribúan dende o concello a cambiar a política nacional dando un “duro revés” ao Partido Socialista nas vindeiras eleccións municipais.
O candidato á alcaldía e actual rexedor de Palas, Fernando Pensado, definiu os últimos catro anos de goberno municipal como unha etapa “moi fructífera” para Palas de Rei gracias ao traballo feito polo Partido Popular. Pensado explicou como se mellorou a calidade de vida no concello e se lle dotou de novas infraestructuras como o Centro de Formación á Muller, ou o Centro de Saúde, e como se crearon espacios verdes. Salientou tamén Pensado a importancia que tivo a xeración de patrimonio para o concello, e dixo que cando el chegou ao poder en Palas “o concello non tiña nen un centímetro de terra mentres que nós xeramos un patrimonio de máis de cincocentos millóns de pesetas que son de tódolos palenses”, comentou.
Fernando Pensado criticou aos socialistas por defender un proxecto para Palas coma o do veciño concello de Monterroso “cando os niveis de emprego e prosperidade son moito maiores no noso municipio”, explicou.
CANDIDATURA PALAS DE REI.-
1. Fernando Alfredo Pensado Barbeira
Ten 54 anos está casado, e é médico.
2. José Angel Latorre González
54 anos. Médico.
3. Pablo José Taboada Camoira
35 anos. Funcionario.
4. María Aurora Vila Agra
31 anos. Enxeñeira Técnico Agrícola.
5. Javier Méndez García
56 anos. Empresario.
6. Guillermo Mejuto Gandoy
44 anos. Administrativo.
7. María Cristina Lodeiro Castiñeira
38 anos. Administrativa.
8. María Begoña Mariz Armas
42 anos. Ama de casa.
9. Gustavo Porto Fernández
60 anos. Empresario.
10. Eva Mariño Vázquez
29 anos. Diplomada en Relacións Laborais.
11. Jesús Penas Salgueiros
60 anos. Empregado de Fenosa.
SUPLENTES
1. Emiliano Fernández González
64 anos. Gandeiro.
2. José Manuel López Quintela
47 anos. Gandeiro.
3. Antonio Viña Fernández
41 anos. Gandeiro.
PRENSA
PARTIDO POPULAR