José López Cabodevila presentou a súa candidatura na nova área recreativa do Mazo da Ferreiravella |
Sábado, 28 de abril de 2007.- O Mazo da Ferreiravella, recentemente restaurado como área recreativa, acolleu hoxe a presentación da candidatura do Partido Popular de Riotorto que volve a encabezar José López Cabodevila, actual alcalde do concello, e que estivo arroupado polo presidente provincial José Manuel Barreiro.
Barreiro resaltou a importancia do proxecto popular centrado nas persoas e en traer progreso económico “para que un concello vaia para diante ten que haber un proxecto e un equipo de traballo, no PP temos proxecto e temos equipo mentres que outros o único que queren é que non goberne o PP”, explicou o presidente provincial.
O presidente provincial dixo que o PP quere sumar e contar con todos mentres que outros partidos entenden a política como unha confrontación permanente. Barreiro puxo como exemplo dese labor cotián algunhas das realizacións do PP en Riotorto “vemos como aquí se mellorou a calidade de vida da xente cun centro de usos múltiples e vivendas tuteladas para a terceira idade, adquiríronse terreos para o polígono industrial, arranxáronse prazas e restaurouse esta fermosa área recreativa”. Para Barreiro, este tipo de actuacións non son casuais, senón que responden á preocupación do PP por solucionar os problemas, en contraposición aos outros partidos “que tan só pensan en crealos”.
Barreiro dixo que para continuar cun proxecto de futuro para Riotorto, os veciños tiñan que poñerse detráis da candidatura de José López e transmitir a mensaxe do PP para evitar que Riotorto caia nas mans “dos que veñen a desfacer o que se fixo nestes anos”.
O candidato popular á alcaldía, José López Cabodevila, referiuse aos membros da súa candidatura como xente que “sinte cariño por Riotorto e que está disposta a facer o mellor polo concello e polos veciños”. López Cabodevila agradeceu a Barreiro o seu apoio ao concello durante a súa etapa de conselleiro de Medio Ambente e anunciou que proximamente fará público o seu programa electoral no que incluirá a proposta de crear un circuito de motocross no campo de fútbol para a xuventude.
CANDIDATURA.-
1. José López Cabodevila
Ten 75 anos está casado e é industrial.
2. María Isabel Castro Fiallega
25 anos. Empregada.
3. Manuel Freijo Sobrado
65 anos. Gandeiro.
4. Santiago Legide Campo
56 anos. Empregado.
5. Verónica Pinto Comendeiro
22 anos. Empregada.
6. Manuel María González Loureiro
67 anos. Industrial.
7. José Acebedo Sampayo
64 anos. Gandeiro.
8. Abelardo Tojal Tojal
71 anos. Gandeiro.
9. Genoveva Freire Carballeira
52 anos. Gandeira.
SUPLENTES
1. Ligia Fiallega Miranda
40 anos. Empregada.
2. Domnino Pacio Fernández
61 anos. Gandeiro.
3. Gabriel Díaz Díaz
63 anos. Industrial.
PRENSA
PARTIDO POPULAR