Partido Popular de Lugo

O PP DE PEDRAFITA QUERE COÑECER A SITUACIÓN DA TRAÍDA DE AUGA EN CATRO ALDEAS DO CONCELLO

Mércores, 25 de abril de 2007. O Partido Popular de Pedrafita pide ao alcalde José Luis Raposo, mediante varias preguntas presentadas no rexistro municipal, que explique as condicións do suministro da auga xestionada polo concello nas aldeas do Seixo, O Cebreiro, Rubiais e Pedrafita e reclaman copia da concesión. Os populares entenden que o suministro é deficiente neses puntos porque a auga non presenta, a simple vista, o aspecto óptimo para o consumo e temen, mesmo, que poida ser perxudicial. Nese senso solicitan do concello as últimas análises realizadas da traída nesas zonas.

Por outra banda, os populares de Pedrafita queren coñecer as contas xerais do concello correspondentes aos anos 2005 e 2006, antes de pronunciarse sobre as contas de 2005 para as cales o alcalde pediu o voto favorable no último pleno. Por iso, os populares piden que se lles entregue a documentación correspondente aos gastos e ingresos do concello dos dous últimos anos. De forma singular, o PP pide ao alcalde que dea a coñecer o seu salario e mailas dietas que percibiu entre os anos 2003 e 2006.

Ademais, o Partido Popular quere coñecer cal foi o sistema que seguiu Raposo para a contratación de obras e traballos nos dous últimos anos, así como o importe dos mesmas.

Outra das cuestións presentadas polo PP no rexistro municipal e que suscita máis dúbidas entre os populares ten que ver co capítulo de contratacións de persoal. Segundo o PP de Pedrafita, descoñécense os criterios seguidos polo concello para contratar traballadores, o que constitúe, segundo explican, unha “evidente falla de transparencia polo concello ademais de limitar o dereito dos veciños de acceder en condicións de igualdade ao emprego público”. Por tal motivo, reclaman do alcalde que se lles faciliten as bases de contratación así como a relación de persoas que foron contratadas entre os anos 2005 e 2006.

 

PRENSA
PARTIDO POPULAR