Becerreá, 22 de abril de 2010.- O membro do Comité de Dirección Provincial do PP e ex conselleiro de Educación Celso Currás mantivo esta tarde unha reunión cos cabezas de lista e os responsables educativos dos nove concellos da Comarca da Montaña.
Estes encontros comezan cunha análise crítica do que se está a facer en cada concello por parte dos responsables municipais en materia educativa. A partir deste estudo, faise unha detección das necesidades educativas básicas que estean sen cubrir ou que se presten de xeito deficitario (comedores, transporte escolar, creación de ANPAs, potenciación de bibliotecas e lectura, instalacións e actividades deportivas, etc).
A continuación, formúlanse propostas de mellora que se estimen oportunas para cada un dos concellos e que se plasmarán no programa electoral popular de cara ás vindeiras eleccións municipais.
Currás defendeu este tipo de reunións, dado que “o PP fai política sempre coa xente e non de costas á ela”. Entende que “a mellor forma de coñecer as necesidades é escoitar de primeira man as melloras que esixe cada concello, xa que son específicas”.
Trátase do segundo encontro que Currás mantén con cabezas de lista, xa que con anterioridade se reuniu cos responsables da zona de Monforte. O ex conselleiro de Educación quixo agradecer o esforzo dos asistentes a estas reunións que el cualificou de “moi positivas e constructivas”.