Partido Popular de Lugo

José Manuel Barreiro: “O BNG daríase máis a valer se contemplase acordos co PP»

A Nosa Terra (Alfonso Eiré)

Como contemplan desde o PP as eleccións municipais que se aveciñan?

As miñas responsabilidades están maiormente en Lugo. Penso que nesta provincia, segundo puiden comprobar ao percorrela case toda, imos seguir sendo a forza maioritaria. Gobernaremos na maioría dos concellos e tamén na Deputación. Penso que é debido a que somos os únicos que podemos presentar un proxecto político sólido e que pode gobernar de xeito individual. A cidadanía non valora positivamente que BNG e PSOE teñan que recorrer á coalición para gobernar.

Militantes destacados do PP teñen manifestado publicamente que se o partido sofre un revés nas próximas eleccións municipais teranse que producir cambios internos.

Hai un ano que celebrabamos un congreso no que, como se di popularmente, ninguén daba un peso por nós: que iamos acabar pelexados, divididos…, ao final penso que foi un congreso modélico no que eu mesmo participei optando á presidencia. Finalmente, outro compañeiro tivo máis apoios, converténdose nun líder que, hoxe, está consolidado. Tamén estamos a abordar unha renovación dun xeito non traumático, no que non se está a excluír a ninguén. En Lugo, por exemplo, mudaremos o 40% dos cabezas de lista e todos de xeito voluntario. Os que deixan de ser candidatos a alcaldes seguen participando na lista ou na dirección do partido… Non vexo por ningún lado ese perigo de que haxa que repensar agora nada.

Vostede presentouse no anterior congreso, ao que facía referencia, como a cabeza do sector galeguista ou autóctono. Existen voces tamén dentro do PP que se queixan non só de que vostede estea medio desaparecido, senón de que ese discurso está ausente.

Non estou ausente para nada. Son o vicepresidente a nivel galego, son o voceiro parlamentario, son o presidente de Lugo… Paréceme que traballo moito e dou as miñas opinións. Se alguén o que quere é que se dea un debate interno, pode pensar que estou ausente. Pero eu creo que hoxe por hoxe ese debate non é necesario porque o PP segue a ter o perfil galeguista que marcou Manuel Fraga.

Ese foi o seu grande éxito como líder político, conseguir que ese proxecto galeguista tivese o recoñecemento dunha maioría importante da sociedade. Pero, que quede claro, non somos un partido nacionalista. Pensamos unha configuración do Estado moi diferente á do BNG.

A supeditación a Madrid

Pero hoxe o PPdeG “vive” a política de crispación da dirección central, algo que confirman voces internas.

Non existe crispación. A oposición fai oposición e ten que censurar a política do Goberno cando non está de acordo. Dicíao moi ben o xornalista Xosé de Cora o outro día nun debate na TVG. Se alguén pensa que levar a contraria é crispar, aviados imos. Se dicimos que os medios públicos son gobernamentais e están dirixidos desde o Goberno só é constatar un feito, por exemplo.

Si, pero seguir insistindo en que a ETA foi a causante do atentado do 11-M vai máis alá.

Nós o que demandamos é que se poida investigar a todos os niveis. Pero dá a sensación de que non hai excesivo interese en que a investigación chegue até o final. Houbo unha serie de probas que desapareceron e outras que se puxeron encol da mesa que non se teñen en conta. Serán os xuíces os que digan se existiu algunha conexión entre os islamistas que cometeron o atentado e mais a ETA. Eu non o sei. Iso é o que defende o PP.

Que é o que cambiou para que o que valía para relacionarse coa esquerda abertzale e coa ETA hai un tempo, por exemplo cando se asinou o Pacto de Ajuria Enea, non sirva agora…

Antes, a relación que existía na loita antiterrorista estaba presidida pola transparencia e polo respecto á lei. Agora un individuo que mata 25 persoas está na rúa como un salvador. Arnaldo Otegi quedou libre por decisión do fiscal. Pasamos dun momento no que as vítimas sufrían a persecución do mundo da ETA a outro no que semellan ser as culpábeis. Iso non é admisíbel. Non é que o diga o PP, senón que son centos de miles de persoas que o están dicindo todos os días na rúa.

O discurso na Galiza

Pero vostedes na Galiza seguen a ter un discurso de descualificación total. Por exemplo, ¿non semella moi radical afirmar que a Lei do Banco de Terras quere nacionalizar os terreos agrarios?

Todo o que sexa beneficioso economicamente e mellore a calidade de vida é beneficioso, tanto no tema agrario coma noutro calquera. Pero hai que procurar vías que estimulen e que non sexan coercitivas para que as terras sexan produtivas. Pero tamén poden existir outras vías investidoras. O portavoz do BNG no Hórreo, Carlos Aymerich, comparaba o outro día nun programa o Banco de Terras coa Bolsa de Alugueiro que nós puxéramos en marcha. A Bolsa de Alugueiro era voluntaria e nós non estamos de acordo con porlle algún tipo de imposto a un piso que estivese baleiro. Por outra parte, a terra non é un ben móbel e non se pode mudar de sitio. Aquí hai un apego moi importante á terra polo noso xeito de ser que debe contemplarse.

Falando da coherencia. Como se entende que un día Alberto Núñez Feixóo afirme que se podería camiñar cara a un entendemento co BNG e aos poucos días o PP volve mentir ao falar de que a fronte nacionalista se presentara en coalición con HB?

Enmarcábase dentro dun debate. Pero o BNG formou coalición con HB…

Está trabucado. Pode comprobarse até no Boletín Oficial. Ou seguindo a polémica n’A Nosa Terra nas primeiras eleccións europeas.

Pois non eran as novas que eu tiña. Pero iso non é o substantivo. O importante é o entreguismo que existe por parte do BNG ao PSOE. Hai moitos exemplos que xustificarían esa afirmación. Creo é que o BNG non se está dando a valer. Non vexo cal é o problema para que nun concello, se non existe maioría absoluta, se poidan conformar distintas opcións de goberno, por exemplo do PP co BNG. Non acabo de entendelo. O PSOE é tanto de ámbito nacional como poida selo o PP. O que quero dicir é que nós estamos abertos a falar con todo o mundo, temos demostrado que o podemos facer. Non existe incoherencia. Aínda así, o que nós defendemos é que goberne en cada un dos concellos a forza máis votada.

“Non podemos impedir que os empresarios de inmóbeis participen en política”

Semella que un dos temas fundamentais da campaña electoral vai ser o do urbanismo. Sobre todo logo dos temas que saltaron nos últimos meses á luz pública.

Defendemos que se pode aplicar un urbanismo sostíbel e ao mesmo tempo que a construción é un dos factores fundamentais da economía. Os malos alcaldes no urbanismo non son só do PP, tamén son do PSOE e do BNG, o que pasa é que nós gobernamos en moitos concellos máis, 215. Falan de Arteixo ou Barreiro, pero non falan de Foz. De momento, os alcaldes imputados por urbanismo son do PSOE, incluído o presidente da Deputación da Coruña. Levar o debate por aí é un erro. Hai que censurar esas actitudes pero, sobre todo, evitalas.

O PP é o único partido que defende que os alcaldes poidan ser á vez construtores e/ou promotores inmobiliarios…

En política a ética é primordial pero a estética é importante. O que non podemos é impedir que determinadas profesións participen na política. Négome a recoñecer que na política hai algo de malo e perverso e que aquel que pode vai sacar tallada. Un promotor ou un construtor é unha persoa coma outra. Xa hai mecanismos legais que protexen que non poida ligar unha actividade a outra. Se se saltan eses mecanismos, si debe caer todo o peso da lei.

Estanse a presentar moitas listas “independentes” que antes estaban no PP. Vai pasar coma noutras eleccións nas que os que mellores resultados obteñan mandarán localmente no partido?

Non hai moitos máis casos que na lexislatura pasada. Falo sobre todo de Lugo. Nas eleccións municipais as aspiracións persoais fan que se presenten outro tipos de candidaturas máis alá dos partidos tradicionais. Son lexítimas.