José Manuel Barreiro dixo en Outeiro de Rei que a política local ten que axudar a cambiar a política autonómica e nacional |
Luns, 16 de abril de 2007.- O presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, presidiu onte pola noite en Outeiro de Rei a presentación da candidatura do PP que encabeza José Pardo Lombao para as vindeiras eleccións municipais. O acto de presentación contou coa asistencia de 200 simpatizantes que quixeron coñecer de preto aos integrantes da candidatura.
José Pardo manifestou durante a presentación que lle resultou duro prescindir dalgúns colaboradores que foran en anteriores eleccións pero que a xente que entraba na candidatura -aos que definiu como “o mellor do mellor”– chegaba con moitas gañas de traballar e de facer o mellor por Outeiro de Rei.
Pardo lembrou o progreso que experimentou Outeiro de Rei dende que o PP se fixo cargo do concello en servizos públicos, e afirmou que “hoxe estamos ao mesmo nivel que calquera concello de primeira”. O candidato popular falou tamén do futuro que quere para o concello, “hai que seguir diversificando a economía, imos potenciar a zona industrial para que novas empresas se asenten aquí e facer que a xuventude teñan postos de traballo no concello”. Pardo explicou que Outeiro de Rei non quere ser “cidade dormitorio” senón que ten vocación de ter “vida propia”.
Pilar Arias, unha das novas integrantes da candidatura, interviu en nome dos seus compañeiros para expresar aos asistentes a ilusión coa que aceptaron o encargo de traballar polo concello. “Queremos acadar novos servizos para os maiores e para a xente nova, para facerlle a vida máis agradable á xente de Outeiro de Rei”, dixo Arias.
O presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, agradeceu aos veciños asistentes o seu apoio aos candidatos e dixo que eles que tamén forman parte da candidatura popular. Na súa intervención, destacou a importancia e seriedade do proxecto do PP, “que nos temas importantes é o mesmo para Outeiro de Rei que para Galicia e para o resto de España, porque non decimos unha cousa aquí e outra distinta en Madrid.” Neste senso, explicou que o PP concibe a sociedade de forma inclusiva e non excluinte e que por iso non precisa ser nacionalista porque “ser galego non pode estar reñido con ser español”, sinalou.
Barreiro tivo palabras críticas para a xestión do bipartito na Xunta, do que dixo “non ten proxecto de goberno, tan só peleas por ver quen sae na foto e estámolo a ver cando vai Touriño a un sitio e logo vai Quintana ao mesmo sitio o día despois”. En contraste, Barreiro explicou que no Partido Popular o verdadeiramente importante son os proxectos e non quen os leva a cabo.
O presidente provincial salientou a importancia das vindeiras eleccións municipais, porque o país “enténdase como Galicia ou como España no seu conxunto, vive unha situación dramática e temos que contribuir dende os concellos a cambiar Galicia e cambiar España”, dixo Barreiro.
Finalmente relacionou o crecemento destes anos de Outeiro de Rei coa existencia dun equipo de goberno estable e responsable e pediu aos veciños o seu apoio á candidatura de José Pardo.
CANDIDATURA.-
1. José Pardo Lombao
52 anos. Gandeiro.
2. José Yebra Amorín
62 anos. Xubilado.
3. Luis Varela Pérez
44 anos. Gandeiro.
4. Pilar Méndez Lombao
36 anos. Auxiliar administrativo.
5. Serafín Vázquez Arias
46 anos. Funcionario de Xustiza.
6. Sandra Abeledo Sánchez
29 anos. Asesora inmobiliaria.
7. Manuel Fraga Martínez
58 anos. Xubilado.
8. Jesús Fernández García
49 anos. Gandeiro.
9. Jesús Trigo Barreiro
38 anos. Empregado empresa de productos lácteos.
10. Mª Pilar Arias García
28 anos. Mestra.
11. Alfonso Vilanova Roivás
47 anos. Agricultor.
SUPLENTES
1. Fermín López González
35 anos. Empregado empresa de productos lácteos.
2. Alfonso Rivas Fernández
45 anos. Funcionario municipal.
3. Manuel ángel Fernández Freiro
35 anos. Autónomo.
4. José Veiga Carballido
50 anos. Agricultor.
PRENSA
PARTIDO POPULAR