Partido Popular de Lugo

A WEB DE JOSÉ MANUEL BARREIRO ACHEGA AOS LUCENSES A SÚA TRAXECTORIA PERSOAL E POLÍTICA

José Manuel Barreiro presentou a súa web persoal nun ciber-café de Lugo

José Manuel Barreiro presentou a súa web persoal nun ciber-café de Lugo

Venres, 13 de abril de 2007 .- O presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, presentou hoxe a súa páxina web persoal coa que quere achegar aos lucenses a súa experiencia vital e a súa traxectoria política. Barreiro explicou que a publicación da súa web “responde á cada vez maior demanda de coñecemento por parte desta sociedade da información na que vivimos, e á inmediatez que ofrece esta canle para chegar aos cidadáns de forma individual”.

“Como xa dixen na presentación da web do PP de Lugo –dixo Barreiro- Internet non é un medio de “masas” senón de individuos e de persoas”, nese senso afirmou que a súa web permitirá comunicarse de forma individual cos lucenses que así o desexen. Barreiro explicou que moitas veces as mensaxes políticas veñen condicionadas pola propia estrutura dos medios de comunicación que limitan en espacio ou tempo os propios contidos: “a través das novas ferramentas da comunicación, o mensaxe político poderá chegar completo para quen o desexe” , dixo.

Neste senso, o presidente provincial do PP salientou o valor especial da información obtida a través da rede pois “quen se toma a molestia en achegarse a unha páxina web, tecleando unha dirección ou mediante un buscador é algo máis ca un receptor pasivo, é case un `investigador´, é alguén que ten unha necesidade maior de información ca que se lle ofrece nos medios convencionais”.

Barreiro fixo a continuación un percorrido polos distintos apartados da súa páxina, que conta cun deseño agradable á lectura e cunha estructuración fácilmente accesible. Nos contidos da web destacou o do seu ideario, no que se recolle o decálogo de principios que integran o proxecto político do presidente provincial do PP. Precisamente para todos aqueles que compartan o seu proxecto político creouse na web un apartado para cantos se queiran unir a el.

Noutro apartado recóllese a traxectoria vital de José Manuel Barreiro, a súa formación e a súa experiencia política. Asi mesmo, a web conta cun apartado para comunicarse con Barreiro, apartado ao que lle deu unha importancia especial pois considera que “tódalas opinións contan”, neste senso explicou que non lle gustaría que a súa fora unha web partidista senón “participativa e aberta a todos”, fose cal fose a súa forma de pensar, e nese senso invitou a todos os galegos a que se comuniquen con el dende a súa web.

A páxina recolle tamén as opinións do presidente provincial do PP sobre distintos temas de actualidade recollidos en distintos artículos de opinión publicados na prensa. Asi mesmo, os cidadáns poden coñecer os principais actos públicos nos que participa Barreiro dende o apartado da Axenda, e as Novas relacionadas coa súa actividade política aparecidas na prensa.

Finalmente, Barreiro engadiu a súa intención de manter actualizada a web nos seus contidos e dotala de novos apartados de interese para os cidadáns. Para rematar, Barreiro engadiu que “se ben esta web contribuirá a que os lucenses e tódolos galegos me poidan coñecer máis de preto, saben que sempre me teñen a súa disposición persoal alí onde estou e alí onde me atopen”.

PRENSA
PARTIDO POPULAR