Partido Popular de Lugo

O empresario José Blanco López foi designado candidato do PP á alcaldía de Ribas do Sil

La Voz de Galicia (Quiroga). O Partido Popular presentou onte oficialmente ao que será o seu candidato á alcaldía de Ribas do Sil nas próximas eleccións municipais. A lista será encabezada por José Blanco López, un empresario de materiais de construción de 56 anos de idade que xa participou nos comicios do 2003 ocupando o número dous da candidatura popular, despois do actual portavoz municipal e antigo alcalde José Rodríguez. O acto de presentación celebrouse nun mesón da localidade de Rairos coa presenza do presidente provincial do partido, José Manuel Barreiro, e de diversos representantes locais desta formación política.

Os populares consideran que o novo candidato ten grandes posibilidades de encabezar o goberno municipal, que leva varios mandatos en mans do PSOE. «Estamos en presenza do próximo alcalde de Ribas do Sil», dixo a este respecto Barreiro. Pola súa parte, Blanco criticou a xestión do actual goberno local, principalmente en aspectos como a disponibilidade de solo industrial e a inexistencia dun plano xeral de ordenación municipal. «As empresas locais non poden medrar e as de fóra xa non poden vir porque non teñen onde ubicarse», afirmou a este respecto o candidato popular. Estas carencias, engadiu, «están facendo perder diñeiro e traballo aos veciños deste municipio».

Supostos problemas
Blanco López, por outro lado, destacou o feito de que os socialistas aínda non designasen oficialmente ao seu candidato á alcaldía e afirmou que, segundo lle consta, «no PSOE hai problemas para nomear candidato a Miguel Sotuela».